Tendencia golfeira. Por @DulceCorcu

Finalmente, e ante o balbordo mediático causado, Álvaro Rodiño, o até hai uns días xefe de prensa do Vicepresidente da Deputación de Pontevedra, vén de cesar no seu cargo após un polémico vídeo na rede social Tik Tok onde dicía que golpearía cun pau de golf a nenos orfos se os atopase pola rúa. Na cabeza ou órganos vitais, detallaba.

Tal barbaridade seica forma parte dun «trend» viral na susodita rede, onde o afán de notoriedade prima por enriba do bo gusto ou mesmo do sentido común. Ao parecer, o reto consistía en respostar inquéritos nos que despois se misturaban tales respostas, sen unha orde concreta e buscando, lóxicamente, chamar a atención o máximo posible. Quizais o señor Rodiño pecou de inxenuo, sen saber que os «trend» ás veces cárgaos o diaño, aínda que a posta en escea non deixa de ser impagable, todo un señorito montado nun carriño de golf facendo brincadeira de apalear nenos inmigrantes, tan de actualidade agora mesmo por outra parte. Pese a que o vídeo foi eliminado, o grotesco e repunante da situación vai perdurar, motivo polo cal enténdese o seu cesamento, despois de pedilo non só a oposición, senón tamén de ser cuestionado polo seu xefe directo, Rafel Domínguez. Coidádevos das tendencias tiktoqueiras e, se queredes triunfar, optade polo baile. Que por facer o ridículo non despiden a ninguén.

Comparte éste artículo
No hay comentarios