A mobilización partirá ás 12:00 horas da parte traseira do Centro Comercial Catro Camiños
Os sindicatos CCOO, CIG, UGT e USO fan un chamamento ao conxunto das persoas traballadoras do comercio de alimentación da provincia da Coruña e á cidadanía para participar na gran manifestación provincial convocada para este domingo 20 de setembro, con saída ás 12:00 horas desde a parte traseira do Centro Comercial Catro Camiños, na Coruña.
A mobilización forma parte do calendario de protestas acordado polas asembleas de traballadoras e traballadores ante a situación de bloqueo que continúa sufrindo a negociación do convenio colectivo provincial.
Tras meses de negociacións, mobilizacións e xornadas de folga, as organizacións sindicais denuncian a falta de avances suficientes para alcanzar un acordo que permita mellorar as condicións laborais e salariais dun sector esencial que emprega a milleiros de persoas en supermercados, almacéns e centros loxísticos de toda a provincia.
A representación sindical considera que as propostas presentadas pola patronal continúan sen responder ás principais reivindicacións do persoal, entre as que destacan a recuperación do poder adquisitivo, a redución da xornada anual, a mellora da conciliación da vida laboral e persoal, o recoñecemento do esforzo das persoas traballadoras e a mellora das condicións económicas e sociais do convenio.
A manifestación deste domingo pretende ser unha demostración de unidade, dignidade e forza do sector fronte ao inmobilismo patronal e un chamamento a desbloquear unha negociación que afecta directamente ás condicións de vida de milleiros de familias da provincia.
Os sindicatos reiteran a súa disposición a alcanzar un acordo que permita pechar o conflito, pero advirten de que as mobilizacións continuarán mentres non se produzan avances reais na mesa de negociación.
CCOO, CIG, UGT e USO fan un chamamento á participación masiva dos cadros de persoal, das súas familias e da cidadanía para demostrar que o comercio de alimentación da provincia da Coruña merece un convenio á altura do traballo que realiza cada día.
| ConvocatoriaDía: 20 de setembro de 2026Hora: 12:00 horas (atenderase os medios as 11:45 horas, antes da saída da manifestación)Lugar: parte traseira do Centro Comercial Catro Camiños (A Coruña)Asunto: manifestación do comercio da alimentación da provincia da CoruñaIntervirán: Representantes de CCOO, CIG, UGT e USO |