A actuación incluirá dous pasos peonís elevados, iluminación específica, sinais dinámicos, unha nova rede de drenaxe e a limitación da velocidade a 30 quilómetros por hora.
A Deputación da Coruña aprobou hoxe no pleno provincial as obras de mellora da seguridade viaria no entorno do CEIP Plurilingüe e do polideportivo municipal de Tarrío, no Concello de Culleredo. A actuación desenvolverase na estrada provincial DP-1705, de Tarrío ao Gaiteiro, e contará cun orzamento de 221.001,30 euros.
O proxecto permitirá construír un novo itinerario peonil accesible de 327 metros pola marxe dereita da estrada, entre os puntos quilométricos 1+030 e 1+357. A nova beirarrúa terá 1,80 metros de ancho e dará servizo ao colexio, ao polideportivo e ao campo de fútbol, nunha zona cunha elevada circulación de peóns, especialmente nas horas de entrada e saída dos centros.
A deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, e o alcalde de Culleredo e deputado provincial, José Ramón Rioboo, destacaron que a actuación permitirá dar resposta a unha demanda importante das familias e da veciñanza de Tarrío, creando un percorrido peonil continuo, accesible e seguro nun entorno especialmente sensible pola presenza do colexio e das instalacións deportivas.
As obras dividiranse en dous tramos. No primeiro, entre os puntos quilométricos 1+030 e 1+200, construirase unha beirarrúa de 170 metros xunto ás instalacións deportivas e ás zonas de estacionamento. No segundo, entre os puntos 1+200 e 1+357, executarase outro tramo de 157 metros e ampliarase parcialmente a calzada para garantir unha sección viaria máis segura.
O proxecto inclúe a creación dun novo paso peonil elevado ao final da actuación e a elevación doutro paso existente. Ambos contarán con iluminación específica e sinalización dinámica para advertir aos condutores da presenza de peóns. Tamén se renovará a sinalización horizontal e vertical e limitarase a velocidade a 30 quilómetros por hora no entorno escolar e deportivo.
A intervención completarase coa renovación do firme nas zonas afectadas, a instalación de pavimento podotáctil nos cruzamentos e accesos, a creación dunha nova rede de recollida de augas pluviais, a canalización para o alumeado público e o acondicionamento de zonas verdes con árbores e especies arbustivas.
O proxecto foi redactado polo Concello de Culleredo atendendo ás necesidades detectadas no entorno, mentres que a Deputación asumirá a execución das obras na estrada provincial. O prazo previsto para completar os traballos é de catro meses.
Esta intervención constitúe a primeira fase da mellora do itinerario peonil da DP-1705. O Concello de Culleredo ten redactado un segundo proxecto para prolongar as beirarrúas desde o final desta actuación ata o límite co municipio de Cambre, un tramo que require previamente a tramitación das expropiacións necesarias.