A oitava edición do Caudal Fest pechou as súas portas acadando preto de 40.000 asistentes —arredor de 20.000 persoas en cada unha das dúas xornadas—, un dato que consolida ao evento lugués como o terceiro festival máis grande de Galicia. A cita musical transcorreu con total normalidade e sen incidencias destacables.
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, destacou o labor previo e a coordinación necesaria para acoller un evento destas dimensións: “Que un evento destas dimensións funcione ben é o resultado do traballo de moitas persoas. O noso papel é poñer os medios para que Lugo poida acoller eventos así con seguridade e normalidade”.
Neste sentido, a rexedora quixo agradecer «o traballo da Policía Local, dos Bombeiros, dos equipos de limpeza e do resto dos servizos municipais, así como a coordinación coas demais forzas e servizos implicados. Tamén á organización e ás persoas asistentes, porque a colaboración de todos é fundamental”.
Axilidade nos accesos e reforzo do transporte
Co obxectivo de mellorar a experiencia dos asistentes, o Goberno local reforzou diversas medidas loxísticas. Destacou o servizo de prepulseirización na Casa do Concello, que permitiu a máis de 3.000 persoas acceder ao recinto coa pulseira xa colocada, axilizando as entradas.
Así mesmo, mobilizouse un dispositivo especial de transporte público que sumou 116 viaxes de autobús e puxo a disposición do público máis de 12.000 prazas para facilitar os desprazamentos ata o recinto durante as dúas xornadas.
Máis de 7 toneladas de residuos recollidos
O dispositivo especial de limpeza activado polo Concello permitiu recuperar o espazo dende o primeiro momento e manterase operativo mentres se desenvolven as tarefas de desmontaxe dos escenarios. Ata a xornada do domingo recolléronse un total de 7.240 quilos de residuos (1.520 kg o venres, 3.040 kg o sábado e 2.680 kg o domingo).
Forte impacto económico e hoteleiro
A masiva afluencia de visitantes volveu ter un impacto directo na economía local, dinamizando sectores como a hostalaría, o comercio, o aloxamento e os servizos. O sector hoteleiro rexistrou unha ocupación media do 93 % durante a fin de semana, acadando a cifra do 100 % en varios establecementos durante a noite do sábado.