UCIN elixe a Santiago como prioridade política e encomenda a José Luis Calo a súa implantación na capital

UCIN Galicia dá un paso decisivo na súa expansión municipalista e fixa Santiago de Compostela como un dos eixes prioritarios do seu proxecto político de cara ás eleccións municipais de 2027. O coordinador da formación, José Luis Calo, asume o cometido de dirixir este proceso de implantación na capital, impulsando unha proposta construída dende a base, coa participación directa dos barrios e das parroquias rurais.

Dende a formación independente aseguran que Santiago precisa «menos confrontación e máis capacidade para resolver os problemas do día a día». O seu modelo aposta por unha xestión sen ataduras partidarias na que as decisións se tomen atendendo exclusivamente ás necesidades da cidadanía.

Un decálogo de prioridades para a capital

Co obxectivo de ofrecer un proxecto político útil para Compostela, UCIN estrutura o seu programa arredor de dez eixes clave:

  1. Servizos públicos: Mellora da atención cidadá e optimización dos recursos municipais.
  2. Mobilidade e tráfico: Planificación eficiente para resolver os problemas de aparcamento e transporte.
  3. Urbanismo sustentable: Deseño urbano equilibrado e sen actuacións improvisadas.
  4. Vivenda: Facilitación do acceso ao fogar, con especial foco na mocidade e nas familias.
  5. Seguridade e convivencia: Reforzo da tranquilidade e da proximidade nos barrios.
  6. Impulso económico: Apoio decidido ao comercio local, á hostalaría e ao tecido empresarial.
  7. Atención ao rural: Valorización e integración das parroquias compostelás en igualdade de condicións.
  8. Patrimonio e modelo turístico: Compatibilización da conservación histórica coa vida cotiá e a actividade económica.
  9. Transparencia: Potenciación da participación veciñamente nas decisións do Concello.
  10. Estatuto de capitalidade: Planificación específica para xestionar os retos derivados do fluxo diario de visitantes en materia de limpeza, seguridade e servizos.

«Primeiro o proxecto, despois as persoas»

José Luis Calo subliñou que esta etapa inicial centrarase en escoitar o tecido social compostelán: «Santiago é a capital de Galicia, pero tamén a cidade onde viven miles de persoas que demandan solucións reais. Non podemos facer política mirando só os titulares; hai que mirar á rúa».

Respecto á persoa que encabezará a lista á Alcaldía nas municipais de 2027, UCIN aclarece que a decisión se tomará máis adiante, unha vez estea consolidado o equipo. «Non queremos poñer o carro diante dos bois. Santiago merece un proxecto serio e independente, e iso é o que estamos construíndo», concluíu Calo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios