Jesús Mosquera Mosquera, adscrito ao CICA, desenvolverá o proxecto NANO-4P, que empregará nanomateriais inspirados nas proteínas para comprender os mecanismos fundamentais da vida e abrir novas vías en medicina, enerxía e nanotecnoloxía.
O investigador Universidade da Coruña Jesús Mosquera Mosquera (Arzúa, 1984), adscrito ao CICA, foi seleccionado na convocatoria Bolsas Leonardo 2026 da Fundación BBVA, un dos programas de apoio á investigación máis prestixiosos do Estado, destinado a impulsar proxectos innovadores liderados por persoal investigador en etapas intermedias e avanzadas da súa carreira científica.
Mosquera liderará o proxecto NANO-4P, unha iniciativa inspirada na forma en que Leonardo da Vinci observaba a natureza para descubrir os seus principios e reproducilos nas súas invencións. O obxectivo da investigación é desvelar como as proteínas se organizan para formar as sofisticadas máquinas moleculares que sustentan a vida.
Para iso, o equipo desenvolverá unha nova xeración de nanomateriais sintéticos capaces de imitar algunhas das propiedades fundamentais das proteínas. Estes materiais funcionarán como modelos simplificados que permitirán identificar as regras que gobernan a ensamblaxe destas biomoléculas, un dos grandes desafíos da ciencia actual.
Os resultados do proxecto poderían contribuír, a longo prazo, ao deseño de nanomateriais intelixentes, dinámicos e multifuncionais con aplicacións en ámbitos tan diversos como a medicina, a enerxía ou a nanotecnoloxía.
Unha carreira científica recoñecida internacionalmente
Investigador Ramón y Cajal na UDC e cofundador do grupo de investigación NanoSelf, Jesús Mosquera desenvolveu unha traxectoria científica marcada pola excelencia e a proxección internacional.
Doutor en Química Supramolecular pola USC, realizou unha tese que deu lugar a 18 publicacións científicas e que foi distinguida cun Premio Extraordinario de Doutoramento.
Posteriormente completou tres etapas posdoutorais en centros de referencia internacional: a Universidade de Cambridge, grazas a unha bolsa da Fundación Ramón Areces; o centro de investigación CIC biomaGUNE, mediante unha axuda Juan de la Cierva; e a Eindhoven University of Technology, cunha prestixiosa bolsa Marie Skłodowska-Curie.
A súa carreira independente comezou na University of Strathclyde. Máis tarde obtivo as axudas de investigador distinguido da Xunta de Galicia e Ramón y Cajal, que lle permitiron incorporarse á UDC e crear o grupo NanoSelf, especializado no desenvolvemento de materiais moleculares avanzados inspirados nos sistemas biolóxicos.
Como investigador principal, Mosquera liderou xa catro proxectos nacionais de investigación e é autor de 52 artigos científicos en revistas de alto impacto internacional, entre eles dous traballos publicados en Science e dous en Nature Communications.
A concesión desta Bolsa Leonardo supón un novo recoñecemento á traxectoria dun dos investigadores máis destacados da nova xeración de científicos galegos e reforza o papel da Universidade da Coruña como contorna de referencia para o desenvolvemento de investigación de excelencia e de forte impacto internacional.