Cristina López: “A Xunta debe investir en Lugo os 1,6 millóns que recada co Canon da Auga”

A concelleira do BNG no Concello de Lugo, Cristina López, criticou o «nulo retorno» do Canon da Auga que paga o municipio, despois de que na xornada de hoxe se autorizase o pago de 414.060,84 € a Augas de Galicia por este concepto, correspondente ao período de maio a agosto. López afirmou que «cada ano as e os lucenses pagamos máis de 1,6 millóns de euros á Xunta sen recibir ningún investimento para avanzar na mellora das instalacións hidráulicas».

A edil nacionalista subliñou que «o Goberno galego ten que investir na cidade e non só recadar». Segundo sinalou, «estes fondos permitirían avanzar na ampliación da rede de saneamento e abastecemento no rural, unha demanda histórica da veciñanza dos distintos núcleos».

Neste sentido, a concelleira contrapuxo a situación de Lugo coa doutros municipios: «Nos últimos anos a Xunta si que investiu os cartos recadados por esta taxa noutros concellos, mentres que Lugo leva anos achegando millóns sen recibir investimento ningún a cambio».

Desde o BNG reclaman que Xunta e Concello traballen conxuntamente para que Lugo reciba «os cartos que lle corresponden» do Canon da Auga, avanzando tanto na ampliación como no mantemento das redes de saneamento e abastecemento existentes. Para Cristina López, este retorno orzamentario permitiría «modernizar o ciclo integral da auga e dar unha resposta eficaz ás necesidades da veciñanza».

Comparte éste artículo
No hay comentarios