O Concello de Lugo rendeulle este mediodía unha homenaxe a Ramos Misioné e aos seus compañeiros do K4 olímpico de Montreal 1976

O Concello de Lugo homenaxeou hoxe a Luis Gregorio Ramos Misioné, primeiro deportista lucense en conseguir unha medalla olímpica, e aos seus compañeiros e irmáns do K4, Herminio Menéndez, José Ramón López Díaz-Flor e Esteban Celorrio, coincidindo co 50 aniversario da medalla de prata conquistada nos Xogos Olímpicos de Montreal 1976.

O acto comezou cun dos momentos máis simbólicos da homenaxe: o traslado conxunto ata o escenario dunha réplica de 11 metros da embarcación coa que os catro deportistas competiron en Montreal hai agora cinco décadas.

A continuación, sonou “One Moment in Time”, a canción oficial dos Xogos Olímpicos de Seúl 1988 e os homenaxeados participaron nun coloquio no que contaron as súas experiencias como deportistas olímpicos.

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, na súa intervención destacou o valor dunha fazaña que foi posible grazas a moitos anos de esforzo e traballo compartido: “unha medalla olímpica conséguese con moito traballo, con moito esforzo e tamén aprendendo a competir e a medrar xunto a persoas que veñen de distintos lugares da xeografía española. Co paso do tempo, eses compañeiros acaban sendo tamén irmáns”.

“Hoxe estamos aquí para recordar o que aconteceu hai 50 anos e para poñer en valor un acontecemento que forma parte da historia de Lugo. Teño moi claro que, para que unha cidade avance, non pode esquecer os seus referentes. E Luis Gregorio Ramos Misioné e os seus compañeiros son un referente para esta cidade”.

“Un lucense conseguiu hai 50 anos unha medalla olímpica. Iso é un orgullo. En 1979, Lugo xa recoñeceu a figura de Ramos Misioné, dando o seu nome a unha rúa. Hoxe facemos outro recoñecemento, máis sinxelo, pero tamén sentido, importante e necesario: lembrar aquela fazaña e agradecer o que significou e o que segue significando para todos nós”.

“Porque o deporte fálanos de traballo, disciplina, esforzo e resiliencia, de superar dificultades, de perseguir un soño. E cando se consegue, temos a obriga de recordalo”.

“E quero dirixirme especialmente aos mozos e mozas que hoxe están aquí. Neste escenario, a grandeza non está só nos logros deportivos, senón nas persoas que viven nesta cidade, nas persoas que traballan, que se esforzan e que deixan unha pegada. E tamén nas persoas que, como Ramos Misioné e os seus compañeiros, seguen agradecendo e devolvendo á sociedade parte de todo o que o deporte lles deu”.

“Por iso, desde o Concello queremos ratificar o noso compromiso de seguir lembrando e poñendo en valor os nosos referentes, todo o que achegaron e todo o que seguen achegando á nosa cidade”.

“Hoxe lembramos unha medalla de hai 50 anos, pero sobre todo lembramos os valores que hai detrás dela e a importancia de que as novas xeracións teñan referentes aos que mirar.”

O acto rematou coa foto de familia con piragüistas olímpicos que invitados a esta cita (adxúntase relación) e co alumnado da Escola de piragüismo do Club Fluvial.

Comparte éste artículo
No hay comentarios