O Racing perdoa ao Lugo no Ángel Carro

Racing e Lugo completaron un gran partido no Ángel Carro. O triunfo caeu do lado local, que aproveitou o seu mellor comezo de partido e un erro defensivo verde que permitiu a Gallar facer o único gol do partido. O Racing foi mellor tras o gol. No primeiro tempo, porque o Lugo atrasou posicións para saír á contra. Na segunda, porque o Racing empurrou máis e viu como a Eto’o lle anulaban un gol e os atacantes non daban atopado a meta de Marc Martínez por centímetros na parte final do encontro. O xeorxiano Morchiladze, que se estreou como branco e vermello, acabaría expulsado antes do prolongamento.

O Lugo aproveita o seu mellor inicio

Lugo e Racing xogaban un partido de prognóstico incerto. O argumento principal dos locais sustentábase no seu fútbol sólido e produtivo das catro primeiras datas e o Racing na inercia das dúas últimas vitorias caseiras, deixando ver a súa progresión ascendente.
De comezo, o Racing modificou o debuxo das xornadas anteriores. Optou por rebaixar un home en ataque, que Javi Vázquez deixou para Arroyo e Alcaina. No Lugo, a principal novidade estaba na portería, na que Marc Martínez substituía a Embadje, que estaba coa súa selección.
O Lugo, asumindo as clásicas responsabilidades dun local, tomou o dominio do xogo no primeiro cuarto de hora. A fase de grande intensidade no xogo lugués culminou cun xute de Lucero que desviou Lucas con atrancos.
O Racing respondeu no minuto 17. Fabio, no primeiro saque de esquina, puxo a pelota no segundo pau, onde o tímido remate de Bernal bateu no pau.
No minuto 19, Gallar aproveitou un erro defensivo do Racing para rematar a gol, sen oposición na área, un centro do mexicano Palma. Logo dunha prolongada revisión o colexiado validou o gol.
O Racing estaba obrigado a tomar o mando e Arroyo, recuperando un balón no lateral da área do Lugo, finalizou a acción cun disparo cruzado que rozou o pau.
O encontro parouse no centro do campo. Foron minutos de rigor posicional nos que o Racing contou con máis posesión. Non houbo máis ocasións até o minuto 38, nunha acción fabricada no laboratorio de Javi Vázquez que culminou cun pase de Ojeda a Leal por riba da defensa local. O lateral non deu voleado sobre a marcha no borde da área pequena.
Pouco despois, nunha contra na que Ojeda de profundidade ao ataque cun pase para Álvaro Ramón, o lateral centrou, a pelota superou a Marc Martínez e, no segundo pau, Arroyo rematou na perpendicular do pau co peito. O coiro saíu bombeado e o meta, no chan, colleu o coiro sobre a raia, segundo confirmou o colexiado logo doutra longa revisión no FVS.
No prolongamento puido distanciarse o Lugo nunha contra na que Dauda andou máis listo de Germán. O atacante puido ceder a Palma e o mexicano estivo a piques de anotar cun disparo desde a media lúa que lambeu o poste.

O Racing perdoa

Javi Vázquez fixo unha modificación na dianteira para comezar o segundo tempo. Eto’o reemprazou a Alcaina. O cadro ferrolán foi quen saíu dominando con dúas accións de Eto’o, unha con poucas posibilidades e, na segunda, cun xute desde a frontal que desviou un defensa. No medio de ambas tivo Dauda unha máis clara nunha contra que lle serviu Gallar. Puido encarar a Lucas, pero o meta sacou o brazo e puido rexeitar o tiro.
No minuto 57, Eto’o rabuñou un balón pola dereita, o atacante non atopou pase, viuse obrigado a fabricarse a xogada até a liña de fondo e cando atopou ángulo de tiro, colocoiu o gol nas mallas enganando a Marc Martínez. A xogada foi novamente revisada e por terceira vez o Lugo gañou no monitor.
O Racing foi fechando ao Lugo, que xa só se limitaba a matar o partido nunha contra. No minuto 66, logo que Javi Vázquez revitalizara o ataque verde, Ojeda estivo a piques de empatar cunha cabezada cruzada a centro de Álvaro Ramón, A pelota voou a media altura para lamber por fóra o portería local. Despois foi Ropero, quen nunha volea acrobática estourou a pelota na cabeza de Gárriz.
O partido entrou no último treito co Lugo deixando só en punta a Godoy e cun centro de Raúl Blanco desde a beira da área que desviou un defensa local. O Racing volveu a solicitar a revisión pedindo penalti, que o colexiado desestimou tras revisar a pantalla.
Unha dura entrada de Morchiladze a Álvaro Ramón deixou ao Lugo con de pola expulsión do estreante xeorxiano.
O prolongamento, de nove minutos, comezou cunha dobre ocasión racinguista, pero nin a cabezada de Monjonell, nin a de Eto’o levaron a forza e a dirección apropiadas.
O Racing volveu tela nunha entrada pola esquerda. Ojeda viu como Álvaro Ramón lle dobraba, o centro do lateral foi ao segundo pau e Eto’o, de cabeza, rozou o traveseiro co seu remate.
Tampouco entrou un córner moi fechado por Raúl Blanco, a defensa protexeu o remate no segundo pau e a pelota lambeu a escuadra. A seguinte foi para Ropero, que meteu a cabeza a un centro de Leal, pero o coiro volveu a pasar a rentes da cepa do poste.
O Lugo, que rezaba po escoitar o asubío final, celebrou un triunfo que o pon, provisionalmente, na cabeza da táboa.

Ficha

SÁBADO 26/09/2026 (16,30) Campo: ÁNGEL CARRO (3.945)
C.D. LUGO : 1 – RACING C. FERROL : 0 (1‑0)

LUG : Marc Martínez; Lucero, Gárriz, Pol Moreno, Pere Haro (Simón 60’);,Palma, Ulloa (Morchiladze 70’), Parrilla, Chiqui (Kevin 70’); Dauda (Perera 78’), Gallar (Godoy 60’). Tre. Borja Fernández. (Banco: Candal (g); Achore, Hugo Pascual; Kike; Berzal; Mateo; Álex Costa).
RAC : Lucas; Leal, Monjonell, Germán (Saúl 86’), Álvaro Ramón; Buján (Raúl Blanco 65’), Bernal, Fabio (Esquerdo 78’), Ojeda; Arroyo (Ropero 65’) Alcaina (Eto’o D). Te. Javi Vázquez. (Banco: César (g); David Castro; Sekou; Azael).
Goles: 1-0 Gallar 19’.
Árbitro: Conejero Sánchez (Estremadura). Auxiliares: Arévalo Rosado e González Eguren Álvarez. 4º árb.: Guillermo García Presa.
Disciplina: CA: Palma 8’; Parrilla 49’; Ojeda 56’; Eto’o 63’; Lucero 68’ // VD; Morchiladze 88’.

Foto: Buján e Lucero na procura dun balón á banda. © 21noticias.com

Comparte éste artículo
No hay comentarios