Colectivos memorialistas da provincia de Ourense veñen de facer un chamamento urxente ao Estado e á Xunta de Galicia para salvar e protexer o antigo Cárcere Provincial da rúa do Progreso, un edificio pechado desde 1987 que se atopa en grave estado de deterioro.
A reacción xorde tras o anuncio do Concello de Ourense de propor a conversión do inmoble e da Casa de Baños nun parador turístico. Dende as entidades asinantes denuncian a falta dun proxecto real, de acordo institucional ou de estudo de viabilidade, cualificando a proposta como «un novo capítulo no esquecemento e na indiferenza».
Eloi Romero coa súa tía Coral, quen fora presidenta do Colexio Oficial de Farmacéuticos da provincia.
Benito Gallego, alcalde republicano de Ribadavia
Roberto Blanco Torres, escritor e xornalista paseado en Entrimo
O principal centro de represión da provincia
Os colectivos lembran que o vello cárcere foi o epicentro do terror franquista en Ourense. Só entre xullo e setembro de 1936 rexistráronse máis de 400 ingresos de persoas detidas por defender a legalidade republicana, o galeguismo, o sindicalismo ou a democracia. Moitas desas celas foron a última morada de represaliados que logo foron paseados e asasinados en cunetas e tapias de cemiterios, cuxos restos seguen sen recuperarse.
A función represiva do inmoble mantívose durante toda a ditadura e a transición, albergando presos políticos ata ben entrada a década dos 80, como o cantautor Suso Vaamonde en 1984.
Un compromiso incumprido desde hai 25 anos
As entidades lembran que en xullo de 2001 o Concello asinou un convenio co Estado ao asumir a titularidade do inmoble co compromiso expreso de convertelo nun museo da memoria histórica, un acordo que contou co respaldo das principais forzas políticas. Vinte e cinco anos despois, o compromiso segue sen cumprirse.
«Sabemos o que pasa cando se deixa pasar o tempo. Carabanchel foi derrubado en 2008. En Ourense corremos o mesmo risco: agardar a que se apaguen as voces dos últimos presos políticos e que volva a escuridade», advirten no manifesto, pondo como exemplo a seguir a antiga Prisión Provincial de Lugo, cuxo procedemento de declaración xa foi incoado no BOE en xuño de 2026.
Reclamacións aos gobernos estatal e autonómico
Ante esta situación, os colectivos asinantes esixen:
- Á Secretaría de Estado de Memoria Democrática (Goberno de España): Que incoe con carácter de urxencia o procedemento para declarar o antigo Cárcere Provincial como Lugar de Memoria Democrática (ao abeiro da Lei 20/2022). Esta medida permitiría a anotación preventiva no Inventario e a adopción de medidas de protección cautelares fronte ao deterioro ou usos inadecuados.
- Á Xunta de Galicia: Que retome o consenso de 2001 e inicie o expediente para a súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC), segundo a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia.
O obxectivo final é protexer a memoria colectiva de Ourense e garantir que calquera uso futuro do espazo se deseñe respectando e explicando a historia da represión que albergaron os seus muros.
Colectivos asinantes:
- Amigos da República de Ourense
- Comité pola Memória Histórica do Val do Límia
- Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova