O Concello de Lugo impulsa o programa ‘Coñece o teu Concello’ para achegar a administración municipal aos escolares

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, recibiu na Casa Consistorial a medio cento de alumnos e alumnas de 3º de Educación Primaria do CEIP As Mercedes. Con esta visita arrinca o programa escolares ‘Coñece o teu Concello’, organizado pola Concellaría de Educación para achegar o funcionamento da administración local aos máis novos.

Durante o encontro, celebrado no Salón de Plenos, o alumnado puido coñecer de primeira man como se organizan os debates municipais, cal é o papel dos concelleiros e de que xeito se toman as decisións que afectan ao día a día da cidade.

Os escolares participaron de forma moi activa formulando preguntas e propostas directamente á rexedora, amosando especial interese por asuntos relacionados coa mellora dos parques infantís, a sostibilidade e o mantemento da contorna do seu colexio.

Pola súa banda, Elena Candia convidou ao alumnado a pensar en novas ideas para a cidade e a trasladarllas por carta, comprometéndose a responder persoalmente a cada unha delas para fomentar a participación cidadá desde a infancia.

O programa ‘Coñece o teu Concello’ continuará desenvolvéndose todos os mércores con visitas de diferentes centros educativos de Lugo, co obxectivo de amosar o patrimonio do edificio municipal e o traballo que nel se realiza duns xeito dinámico e participativo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios