O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, acompañado por varios edís do partido, visitou o barrio periurbano de Castelo para coñecer sobre o terreo as necesidades da veciñanza. Durante o encontro, Fernández comprometeu a impulsar unha revisión da nomenclatura e numeración das rúas e camiños para facilitar a identificación das vivendas.
Problemas cotiáns pola confusión viaria
Os veciños trasladaron as dificultades que xeran os actuais nomes das vías, que moitas veces se confunden con outras zonas ou figuran erroneamente como prolongacións sen continuidade real —caso do Carril das Flores—. Esta situación provoca contratempos diarios na recepción de paquetería, na chegada de taxis ou no uso de navegadores, afectando tamén ao persoal de reparto.
Ante isto, os socialistas propuxen estudar unha ordenación máis clara en diálogo cos residentes, valorando incluso a recuperación da toponimia e os nomes tradicionais dos camiños. Así mesmo, na visita abordáronse outras cuestións clave para a zona, como o mantemento viario, a mellora da conectividade e a posta en valor dunha antiga fonte deteriorada próxima ao Camiño Primitivo para o uso de veciños e peregrinos.
“Visitas coma esta permítennos coñecer problemas moi concretos que non se perciben desde un despacho. Non todo son grandes obras; moitas veces trátase de escoitar e buscar solucións prácticas”, sinalou Fernández.