As infantís do Santo suman a 2a vitoria da temporada en Primeira.
Segue sumando o infantil feminino do Santo Domingo na súa primeira andaina en Primeira División. Se a semana pasada foi a vitoria contra Calasanz a que equilibrou a balanza tras a derrota das betanceiras na xornada inaugural fronte a Básquet Coruña, desta volta a visita do Estudiantes Lugo Río de Galicia ofreceu a segunda da temporada grazas a un 72-56 que non reflexa a igualdade que se viu no parqué. Así valorou o encontro Javier Codesido, o adestrador local: “Primeira vitoria na casa na historia do feminino do club ante nada menos que Estudiantes Lugo. Partido durísimo e intensísimo onde o Santo foi quen de gañar mercé a un grande esforzo defensivo colectivo para parar as talentosas xogadoras visitantes. Malia o resultado o partido foi moi igualado de principio a fin”.
Tres a un no resto da xornada
Pero o bo resultado das infantís non foi o único. Nunha xornada en que descansou o primeiro equipo e na que moitos dos outros conxuntos do club seguían esperando o seu debut en liga, os resultados ofreceron 3 vitorias e 1 derrota. Gañou o Decornaveira cadete feminino, o outro equipo adestrado por Codesido, nun partido que “non tivo historia e no que se fixo rotación de todas as xogadoras para cando veñan rivais de nivel superior”, segundo o técnico, que destacou como se “venceu claramente en todas as facetas do xogo na estrea de moitas delas” (33-87 fronte a Compañía de María B) e gañou tamén o júnior masculino adestrado por Antonio Díaz “Doc” por 90-71 a Golfiños Sada, nun duelo comarcal en que os sadenses só aguantaron ata o terceiro cuarto. Sumaron tamén as júnior feminino de Javier Cotelo, impoñéndose por un claro 64-50 a Compañía de María e o único resultado en contra foi o dos infantís de Diego Folla, que perderon por 44-65 fronte a Arteixo, na mañá do sábado, nun partido en que os betanceiros, prexudicados polas ausencias (só puideron aliñar a sete xogadores), deron a cara durante bos tramos do encontro.