Balseiro denuncia que “o Goberno de Sánchez recoñece que reduciu á metade o tramo da A-74 respecto ao proxectado polo Goberno de Rajoy”

O senador mariñán do PP critica que o Goberno recortase á metade o tramo sometido a información pública e que, oito anos despois, siga sen resolver as alegacións presentadas en 2018.

O senador mariñán José Manuel Balseiro advirte que “o Goberno de Sánchez di que fai, pero non fai nada” en relación á autovía A-74 para a que o PSOE anunciara, en campaña electoral, que as obras se iniciarían no 2024.

O Executivo “recoñece o que viñamos dicindo: que reduciron á metade a lonxitude do primeiro tramo sacado a información pública con respecto ao que fora sometido ao público polo Goberno de Rajoy”, apunta.

Os senadores do PP lucense -José Manuel Balseiro, José Manuel Barreiro e Juan Serrano- dirixían unha pregunta formal ao Executivo sobre os motivos concretos polos que decidiu modificar o proxecto inicialmente sometido a información pública no ano 2018 co Goberno de Rajoy fragmentando o primeiro tramo en subtramos; así coma as vantaxes que supón esta decisión e os informes técnicos que a avalan.

Balseiro lembra que “o Goberno de Rajoy sacara a exposición pública o proxecto do tramo Barreiros – Foz de arredor de 11,15 km, pero o que publicitou o Goberno de Sánchez é o subtramo Barreiros – O Carme de arredor de 6,3 km, é dicir, “reduciron á metade”. E engade que “ademais, non resolveron as alegacións presentadas no ano 2018”.

O senador do PP lucense condena que “o PSOE utilizase a A-74 como promesa electoral nas eleccións xerais de 2023. Daquela aseguraban os seus representantes na comarca que, con Sánchez no Goberno, as obras empezarían no 2024. Pero pasou o 2024, o 2025 e está rematando 2026 sen ter sequera contratadas as obras. Nin un só quilómetro construído e nin sequera sacado a licitación. A realidade evidencia que os anuncios do PSOE só son propaganda coa que pretenden enganar aos veciños e veciñas da Mariña”, subliña.

EXECUCIÓN ORZAMENTARIA

O mariñán tamén revelaba recentemente de que “o Goberno de Sánchez se negou a informar no Senado sobre as cantidades realmente executadas na A-74 desde o ano 2019” en resposta a outra pregunta formulada polos representantes do Partido Popular na Cámara Alta. “A realidade é que non executaron nin un euro nas obras da autovía da Mariña”, conclúe.

Comparte éste artículo
No hay comentarios