O BNG de Pol cuestiona por que o alcalde quixo eliminar a unanimidade para conceder honras e distincións

Branca Fernández advirte de que estes recoñecementos “non son distincións do alcalde nin do goberno de quenda, senón de todo o pobo de Pol” e pregunta que necesidade existe de cambiar agora o regulamento.

O BNG de Pol critica a decisión do goberno municipal de modificar o regulamento, que foi levada á ultima sesión plenaria celebrada no concello de Pol. Neste procedemento establecese a concesión de honras e distincións do Concello, e eliminouse a necesidade de contar coa unanimidade do Pleno e permitindo que estes recoñecementos poidan aprobarse por maioría simple.


A concelleira do BNG, Branca Fernández, considera especialmente difícil de entender que o alcalde queira modificar agora un procedemento que obrigaba a buscar o consenso de toda a corporación. “A pregunta é moi sinxela: por que molesta agora a unanimidade? Por que se quere ter a posibilidade de conceder unha honra ou distinción sen contar co acordo de todas as forzas políticas?”, cuestionou.


Para Fernández, tratándose dos máximos recoñecementos institucionais do Concello, “o razoable sería reforzar o consenso, non rebaixalo”. Neste sentido, lembra que as persoas ou entidades distinguidas reciben ese recoñecemento en nome do conxunto do municipio.


“Estas distincións non as concede o alcalde nin o partido que teña maioría no Concello. Concédeas Pol, e o pobo de Pol está representado no Pleno por todas as forzas políticas”, sinalou.


O BNG defende, por tanto, mantivo a unanimidade como garantía de que as distincións municipais teñan un carácter verdadeiramente institucional e non dependan das maiorías políticas existentes en cada momento.


Branca Fernández advirte de que pasar da unanimidade á maioría simple supón que unha única forza política, se dispón dos votos suficientes, poida decidir por si soa a concesión destes recoñecementos. “Se realmente estamos diante dunha persoa ou entidade merecedora dunha honra do Concello de Pol, que problema hai en procurar o acordo de toda a corporación? Ese consenso non lle resta valor á distinción; todo o contrario, dálle máis forza e lexitimidade”, afirmou.


Por iso, o BNG considera que o alcalde debe explicar publicamente que necesidade existe de cambiar agora esta norma e por que considera conveniente poder conceder honras e distincións sen o respaldo de toda a corporación.


“Falamos das honras e distincións de Pol, non das honras e distincións do alcalde. Quen recibe un recoñecemento destas características debería poder saber que o recibe en nome de todo o pobo e co respaldo de todos os seus representantes”, concluíu Branca Fernández.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios