As Asociacións Mina Touro O Pino NON e Tralapena, unidas na loita contra o proxecto minero de Touro-O Pino, queren denunciar publicamente a última manobra de lavado de imaxe iniciada pola empresa Cobre San Rafael na comarca de Arzúa.
Segundo puido comprobar a veciñanza, a mercantil anuncua e publicita unha campaña para realizar sondeos de opinión, que inclue chamadas telefónicas masivas, distribución de folletos nos comercios locais e anuncia a instalación de urnas de consulta dentro das propias dependencias municipais dos concellos da comarca.
Desde os colectivos cualifican esta campaña como un «intento desesperado e artificial de fabricar unha licenza social que a comarca xa lles negou de forma rotunda nas rúas». Denuncian que as enquisas non buscan escoitar á poboación, senón teledirixir as respostas e obter datos persoais para xustificar un suposto apoio social ante a administración autonómica.
Presión institucional para frear o uso do espazo público
As asociacións contrarias á mina presentaron por rexistro unha petición formal dirixida ás alcaldías e membros das corporacións municipais da comarca, en concreto ós concellos de Touro, O Pino e Arzúa. No escrito esíxese o rexeitamento expreso á instalación de urnas ou soportes publicitarios da mineira en calquera dependencia pública. «Os edificios municipais son de toda a veciñanza e deben rexerse pola neutralidade e o interese xeral. Non poden converterse no escaparate de propaganda dunha multinacional privada que ameaza o noso xeito de vida, poñendo en risco os nosos proxectos de vida na comarca», sinalan desde as asociacións.
Lembran que o proxecto da mina de levarse adiante, poría en risco crítico a conca do río Ulla, os sectores agrogandeiros, a categoría das queixerías baixo a Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa e o Camiño de Santiago, piares fundamentais da economía e o patrimonio da comarca, ademáis das expropiaciòns de terreos e a total devaluación das vivendas.
Estas asociacións fan un chamamento a toda a veciñanza e aos comerciantes da comarca para que non participen nestas enquisas trampa e non cedan ante o lavado de cara dun proxecto que segue a ser ambiental, cultural, económica e socialmente inviable, representando exclusivamente o beneficio para uns pouco contra o futuro sostible e habitable que queremos ter nesta terra.