A Asociación Boca de Sapo comunidade ecosocial e cultural prepara para este mes de outubro un ciclo de xornadas arredor do lume.
Como no título do filme en «O QUE ARDE» (Xornadas arredor do lume) queren facer un achegamento desde diferentes perspectivas ás multi-causas que provocan o lume nos nosos montes, estragando o noso rural, a nosa diversidade e a cultura propia de nós.
O despoboamento do rural, as escasas políticas de prevención ou os factores socioeconómicos son algúns dos temas que poñerán enriba da mesa para reflexionar e debater entre todas e todos.
A idea é gozar dunhas xornadas onde falar de vagar. Fóra das presas, da urxencia mediática, das RRSS e de «bulos» interesados que navegan arredor dos incendios forestais.
Para iso na primeira das xornadas contarán coa veciña Elvira Santiago Gómez que ven desde a Universidade de Coruña a presentar «Lume! Análise Social dos Incendios Forestais». Elvira Santiago Gómez é titular no Departamento de Socioloxía e Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña, onde participa como investigadora no Grupo LAPSO de Análise e Prospectiva Socio-política, membro da Federación Española de Socioloxía, da European Sociological Association e secretaria da Asociación STS España.
Será este sábado 10 no Auditorio Capela do Pilar de Corcubión ás 19:15h.