A actividade, organizada no marco do acordo de custodia do territorio entre a Deputación de Lugo e a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT), combinará unha charla divulgativa cunha saída nocturna ao río equipada con detectores de ultrasóns e visores térmicos.
As Insuas do Miño acollerán este venres, 9 de outubro, unha actividade divulgativa dedicada ao coñecemento e á observación de morcegos, unha oportunidade para descubrir de preto estes mamíferos nocturnos e coñecer a súa importancia para os ecosistemas.
A xornada comezará ás 19:00 horas no auditorio da Casa das Insuas de Rábade, cunha charla de introdución aos morcegos, na que se abordarán aspectos relacionados coa bioloxía, o comportamento, a ecoloxía e a conservación destes animais.
Ás 20:00 horas, xa ao anoitecer, terá lugar un paseo até o río para escoitar e observar morcegos. A actividade contará con detectores de ultrasóns e visores térmicos, ferramentas que permitirán aos participantes localizar os animais, escoitar as súas emisións de ecolocalización e observar a súa actividade nocturna.
A actividade será impartida por Roberto Hermida, da AGCT, e Morcegos de Galicia, entidade que desenvolve labores de investigación, divulgación e conservación dos morcegos en Galicia.
A participación é gratuíta e non é necesario levar ningún material específico. A proposta está dirixida a todas as persoas interesadas en coñecer o patrimonio natural das Insuas do Miño e descubrir unha parte da fauna que, pola súa actividade nocturna, adoita pasar desapercibida.
Esta actividade enmárcase no acordo de custodia do territorio que a Deputación de Lugo mantén coa AGCT para a conservación, investigación e divulgación da natureza nas Insuas do Miño e Ollos de Begonte. Estes espazos forman parte da Reserva da Biosfera Terras do Miño, que xestiona o ente provincial, e constitúen un importante enclave para a conservación da biodiversidade.
A través deste tipo de iniciativas búscase tamén achegar o patrimonio natural á cidadanía e fomentar o coñecemento e a valoración dos ecosistemas e das especies que os habitan.