A Deputación levaá Festa da Pataca de Vilar de Barrio (Ourense) os saberes e sabores da provincia da Coruña

O vicepresidente, Xosé Regueira, participou esta mañá na inauguración oficial, onde reivindicou a importancia de poñer en valor os produtos locais e o traballo das persoas que os producen.

A Deputación da Coruña volve estar presente na Festa da Pataca de Vilar de Barrio (Ourense), que se celebra do 9 ao 11 de outubro cunha programación que combina gastronomía, produto local e música. A institución provincial conta cun espazo propio no que ofrece demostracións de cociña e de artesanía en directo, ademais de achegar a música de Sés ao Pataca Rock.

O vicepresidente, Xosé Regueira, participou esta mañá na inauguración oficial da festa, onde reivindicou a importancia de poñer en valor os produtos da terra e o traballo das persoas que os producen. Regueira destacou que a pataca é un exemplo do potencial do sector agroalimentario galego e da necesidade de reforzar o vínculo entre produción, gastronomía e territorio.

“Detrás de cada produto de calidade hai coñecemento, esforzo e persoas que manteñen vivo o noso rural. Temos que recoñecer ese traballo e crear oportunidades para que as novas xeracións vexan no sector primario unha opción de futuro”, sinalou. O vicepresidente incidiu tamén na importancia de promover os produtos locais máis alá do seu territorio de orixe, converténdoos nun recurso para dinamizar a economía e atraer visitantes.

“Traer ata Vilar de Barrio os sabores e os proxectos da nosa provincia é tamén unha forma de compartir o que somos e de demostrar que a gastronomía pode ser unha gran aliada para dar a coñecer o territorio”, engadiu Regueira.

Exhibicións en vivo

O chef encargado de cociñar en directo é André Arzúa, do restaurante compostelán Espazo Abella, que elabora pratos a base da variedade de patacas fina de Carballo. Pola súa banda, hai dúas mostras de artesanía en vivo: Jorge Eiroa, con forxa, e O Carabel Ecocestos, con cestería.

Comparte éste artículo
No hay comentarios