Cadernos da viaxe. Beiras como principal referente da Nación.

O pasamento de Xosé Manuel Beiras abre unha fenda profunda na historia contemporánea de Galicia. Desaparece o intelectual e dirixente político que contribuíu decisivamente a transformar o galeguismo, vinculando a conciencia nacional coa análise material da economía, a soberanía política e a defensa dos intereses do país. Beiras non foi só o máis grande referente do nacionalismo dende Castelao, senón que dende Castelao foi  o principal referente da Nación, quen mellor expresou a Galicia como suxeito político colectivo, con identidade, vontade de autogoberno e dereito a decidir o seu futuro.

A súa revolución intelectual arrinca da convicción de non existir emancipación nacional posíbel sen comprender as estruturas económicas que condicionan a vida dos galegos. O atraso económico de Galicia (1972) converteuse nunha obra fundamental desa interpretación. Beiras daba continuidade no 1963 ao traballo iniciado pola Revista de Economía de Galicia, promovida por Xaime Isla Couto no 1958, coa colaboración de Fernández del Riego. A publicación estudaba os problemas produtivos e sociais do país, abrindo unha vía de reflexión que ligaba economía e galeguismo, o que tamén o conectaba co precedente de Alexandre Bóveda.  Beiras representou a  transformación do galeguismo de postguerra nun proxecto de emancipación económica e política.

A súa traxectoria electoral tamén reflicte as dificultades e os avances dese proxecto. No 1977 encabezou a candidatura do Partido Socialista Galego (PSG) pola Coruña, nunha transición na que as formacións de estrita obediencia galega ficaron condicionadas pola monopolización estatal xerada polos límites antidemocráticos impostos polo Goberno Suárez e maila ruptura entre o galeguismo republicano (co que conectaba Beiras) e o culturalismo piñeirista.

A experiencia empurrou Beiras cara á construción dun espazo político máis amplo. No 1982 naceu o Bloque Nacionalista Galego (BNG), do que Beiras sería voceiro nacional e principal referente durante máis de dúas décadas. Desde o escano acadado en 1985 ate os 18 deputados de 1997, o BNG pasou da marxinalidade parlamentaria a se converter na principal alternativa ao Partido Popular de Manuel Fraga. Beiras foi decisivo nesa transformación: pola súa capacidade oratoria, pola elaboración intelectual e por facer do nacionalismo unha opción política recoñecíbel para sectores sociais moi diversos.

A relación con Fraga amosa outro capítulo vital. Dous adversarios de formación e temperamento moi diferentes chegaron  abrir canles de diálogo institucional, sen abandonar por iso as súas profundas discrepancias. A crise do Prestige (novembro 2002) destruíu esa posibilidade. A falla de información á oposición e a resposta das autoridades, nomeadamente estatais, diante da catástrofe ecolóxica que repolitizou á miña xeración, racharon esta xeira. Na fin de 2002 o BNG de Beiras  presentou unha moción de censura contra o Goberno Fraga.

A dimensión de Beiras transcendeu amplamente a política galega. A súa formación na Sorbona de París e a London School of Economics, o coñecemento da economía internacional e a interlocución cos movementos altermundialistas e coa esquerda europea deron ao seu pensamento unha perspectiva cosmopolita. Foi un defensor dunha Europa plurinacional  e partillou na articulación de espazos de cooperación entre nacións sen Estado. Velaí a reedición do GALEUSCAT entre BNG, CiU e PNV no 1998.

A súa desaparición interpela a tod@s. O recoñecemento público dunha figura desta dimensión non habería depender da coincidencia ideolóxica co Goberno de quenda. A Xunta, nunha mesquiña decisión, non decretou o loito oficial, mais nunha democracia liberal  a relevancia histórica dunha persoa non se mide pola súa proximidade ao poder, senón pola pegada que deixa na sociedade. Beiras contribuíu dignificar o parlamentarismo, a Universidade e o pensamento económico galego. É parte substancial da historia contemporánea deste país e explica en grande parte como somos.

A iniciativa civil para que descanse no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval, enunciada polo intelectual e artista multimedia Antón Reixa este último venres na súa homenaxe civil de despedida, ha ser considerada con vontade de consenso, canda a proposta dunha Medalla de Ouro de Galicia póstuma en 2027. Non serían concesións partidarias, senón recoñecementos á altura dunha traxectoria excepcional. Será quen Rueda de ser e actuar como Presidente unha vez na súa vida?

Beiras  fixo algo que moi poucos conseguen: transformar o xeito  no que unha sociedade se pensa a si mesma. Ensinounos que a identidade nacional non é só memoria, lingua ou cultura; é tamén economía, poder e capacidade para decidir. Eis a súa herdanza maior: ter contribuído a que Galicia se conciba non como periferia dependente, senón como unha nación con dereito a construír o seu propio futuro.

Comparte éste artículo
No hay comentarios