A «golfería mediática» da TVG: cando aproveitan sen citar o traballo e o esforzo dos demais

O que aconteceu hoxe coa cobertura da TVG sobre un traballo de 21noticias puxo de manifesto unha realidade que sufren a diario os pequenos medios e os profesionais que traballan para levar a realidade a xente dende a independencia informativa. A chamada «golfería mediática» é unha práctica xa habitual na que os grandes xigantes da comunicación, sobre todo a TVG, copian sen ningún pudor o traballo duns xornalistas de proximidade que se «parten a cabeza» e patean a rúa buscando historias debaixo das pedras.

Mentres que os medios locais e comarcais destinan recursos humanos limitados a investigar, contrastar fontes e cubrir a actualidade sobre o terreo, a miúdo en condicións precarias, os grandes gabinetes e redaccións centrais limítanse a fusilar a información, non todos. Os medios estatais da TV piden sempre permiso para divulgar citando o traballo dos demais. O máis grave, máis aló de apropiarse dun contido alleo, é a falta total de ética profesional á hora de omitir a autoría orixinal. Non se cita o medio pequeno, non se recoñece o esforzo de quen tivo que informarse de primeira man e, na maioría dos casos, nin sequera se achega un enlace ou unha mención ao traballo honesto de quen realmente traballou a noticia.

Esta apropiación non só prexudica a viabilidade económica e o recoñecemento de proxectos xornalísticos modestos e independentes, senón que degrada a calidade democrática do propio sector. O xornalismo de trinchera, o que se fai abranguendo concellos e comunidades pequenas, queda invisibilizado baixo o paraugas de grandes marcas que viven do roubo informativo.

A indignación ante este tipo de prácticas evidencia que a profesión necesita un código deontolóxico real contra a piratería de contidos, onde o traballo a pé de rúa teña a protección e o respectuosos recoñecemento que merece.

Fotografia sacada do vídeo de TVG realizado hoxe o grabando o programa no bar dos «callos»

Comparte éste artículo
No hay comentarios