Avante Ourense defende a súa actuación e manterá as súas publicacións tras o requirimento xurídico de KuBOX Modular

A formación política Avante Ourense manifestou firmemente que manterá as súas publicacións e que non dará «un paso atrás na defensa dos dereitos laborais», malia ter recibido un requirimento xurídico por parte do equipo legal da empresa KuBOX Modular.

O voceiro da organización, Francisco Diéguez, subliñou que en ningún momento se acusou ou condenou a ninguén. Segundo explicou, a actuación limitouse a trasladar ás administracións competentes unha información achegada por un antigo traballador sobre a súa experiencia na empresa, co fin de que fosen os organismos oficiais os encargados de esclarecer os feitos. «Recibir un requirimento xurídico non vai facer que renunciemos ao noso compromiso coa defensa das persoas traballadoras e coa transparencia», apuntou Diéguez.

Actuación polas vías institucionais e apertura de dilixencias

Desde Avante Ourense insiste-se en que a súa responsabilidade como organización política consistiu en canalizar a información a través dos cauces oficiais, respectando en todo momento a presunción de inocencia e as garantías de todas as partes, sen substituír o labor das administracións.

Para avalar este proceder, a formación achegou documentación que demostra as denuncias presentadas ante os organismos competentes, entre as que destaca unha comunicación oficial da xefatura da Inspección de Traballo de Ourense na que se confirma a apertura de dilixencias inspectoras para verificar o contido do testemuño recibido.

A organización recalca que será a Inspección de Traballo a que determine o resultado das comprobacións, reiterando o seu respecto pola legalidade e o compromiso coa transparencia e a defensa dos dereitos laborais no territorio.

Comparte éste artículo
No hay comentarios