Néstor Rego: “Máis BNG no Congreso é máis peso da Galiza no Estado e máis dereitos sociais”

O deputado do BNG advirte sobre a axenda de recortes anti sociais do PP: “Non queren pensións públicas, queren recortalas e privatizalas” e lembra que BNG negociou a suba das pensións mínimas por riba do IPC.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, realizou nun almorzo informativo o balanzo do traballo do BNG na última lexislatura nas Cortes que considerou positivo por ter logrado melloras para a vida das persoas e avances sociais significativos tanto para os galegos e galegas como para o conxunto da cidadanía do Estado.  

Defendeu o  “labor permanente e coherente na defensa dos intereses da Galiza e das maiorías sociais” e recalcou  a necesidade de multiplicar a representación do BNG nas Cortes porque “con máis forza teremos maior capacidade de incidir nas políticas sociais ou na vivenda e na mellora das necesidades da Galiza”.

“Temos demostrado”, enfatizou, que “o BNG é a mellor garantía de que a Galiza conte e teña presenza no Estado frente ás forzas políticas estatais, que relegan os intereses dos galegos e galegos en pro dos partidistas tal e como demostraron de forma reiterada en moitos temas. O PP prefire defender o que lle marcan desde Madrid como pasou, por exemplo, coa transferencia da AP-9 ou a condonación da débeda da Galiza”. .

O deputado nacionalista destacou a necesidade de lograr un BNG máis forte no Congreso para impulsar políticas que permitan aliviar a carga das familias ante a escalada dos prezos da alimentación, do combustíbel, das subministracións básicas e da vivenda,  mentres que os salarios están estancados e, por tanto, o nivel adquisitivo das persoas continúa a minguar. Neste contexto, Rego explicitou o apoio do BNG á convocatoria de Folga Xeral do próximo 11 de novembro e chamou ao conxunto da sociedade galega a participar e saír á rúa para reclamar solucións efectivas e valentes.

BNG contribuíu á revalorización das pensións. Rego advirte sobre a axenda anti social do PP:

Advertiu sobre a axenda de recortes que “xa está a avanzar o PP no relativo ás pensións, para as que propoñen recortes e privatización. Queren eliminar dereitos sociais polos que loitamos durante décadas para favorecer aos que máis teñen e aos intereses da banca. Como sempre”. Neste sentido, explicou a contribución do BNG ao aumento das pensións mínimas e non contributivas por riba do IPC, así como a ampliación das semanas dos permisos para familias monomarentais e monoparentais, froito dos Acordos de Investidura.   

Néstor Rego indicou que “BNG demostra cada día que é útil para a Galiza, sendo determinante para impulsar medidas en beneficio das maiorías sociais e para colocar no centro do debate político as necesidades, os problemas e as solucións que precisa o noso País”. Subliñou que ao revés das outras forzas políticas, “o BNG non ten ataduras a ningunha sede de Madrid, a nosa prioridade é Galiza o que nos permite defender, sempre, o que é mellor para os galegos e as galegas”.

Arroxo destaca o impulso do ferrocarril en Lugo e Ferreiro apela a ter máis representación

Pola súa parte, o portavoz do BNG no Concello de Lugo destacou que «a presenza do BNG en Madrid permitiu desbloquear moitos proxectos que levaban anos abandonados». Arroxo puxo o foco no transporte ferroviario, un dos eixos das múltiples campañas do BNG nestes anos. “O deputado do BNG no Congreso conseguiu avances como o comezo das obras de modernización da rede ferroviaria, cuxa electrificación xa está completada no treito entre Lugo e Monforte, e o estudo de viabilidade dunha conexión directa en ferrocarril entre Lugo e Compostela, solucionando unha das grandes carencias da nosa cidade: contar cun tren directo á capital do País».

Arroxo salientou tamén o «importante avance» en infraestruturas viarias:  avanzouse na construción da A-54, que comunica Lugo con Compostela e lembrou os anos de traballo do BNG para que se acabe por fin unha infraestrutura que leva moitos anos de retraso». 

A concelleira do BNG, Maite Ferreiro destacou que o único deputado do BNG no Congreso «conseguiu máis avances para Galiza que todos os do PP e PSOE». Ferreiro puxo en valor o traballo do BNG nas Cortes e afirmou que «máis representación do BNG permitirá defender con máis forza os intereses de Galiza e, en concreto, as demandas históricas de Lugo nun panorama electoral no que o voto das e dos deputados do BNG pode ser moi relevante».

Comparte éste artículo
No hay comentarios