Rubén Arroxo inicia unha rolda de contactos para reactivar o taxi a demanda no rural de Lugo

O BNG de Lugo iniciou unha rolda de encontros para compartir coa veciñanza o proxecto de ampliación do Transporte Rural a Demanda, unha iniciativa posta en marcha polo BNG desde a área de Mobilidade e que desde a moción de censura permanece paralizado. «Conseguimos iniciar en Lugo un proxecto totalmente revolucionario e innovador, que é avanzar en que todo o rural, as 54 parroquias, poidan ter transporte público a través do servizo de taxi a demanda«, explicou Arroxo.

O sistema permitía á veciñanza das zonas ás que non chega o autobús urbano solicitar desprazamentos en taxi con reserva previa e a un prezo equivalente ao billete do bus urbano. Para xestionar o servizo, estaba prevista a creación dunha plataforma de control que permitise coñecer a demanda e os percorridos realizados polos vehículos.

Rubén Arroxo lembrou que, o pasado mes de febreiro, despois de varios anos de traballo, o Concello puxo en marcha unha proba piloto en parroquias como Carballido e Labio, que tivo unha moi boa acollida entre a veciñanza. O obxectivo era avanzar progresivamente na implantación dun modelo de transporte público que permitise conectar os núcleos rurais cos servizos da cidade.

Arroxo sinalou que o seguinte paso xa estaba preparado: ampliar o servizo ás parroquias de Orbazai, Adai, Ombreiro, Piugos, Cuiña e Saa. «Imos levar unha moción a pleno para que o goberno municipal dea continuidade a este proxecto que dende o BNG deixamos iniciado e que agora mesmo está paralizado», afirmou.

O BNG reclama así avanzar na extensión do taxi a demanda para mellorar a mobilidade no rural e facilitar os desprazamentos da veciñanza ata a cidade. «Sería insostible que o bus urbano dera servizo ás 54 parroquias do rural de Lugo, pero esta alternativa permitiría á veciñanza gozar de transporte público a un prezo asequible«, concluíu Arroxo

Comparte éste artículo
No hay comentarios