Máis de 350 reservas para o xantar degustación da Tenreira de Ancares, que se celebrará no polideportivo e para o que é preciso reservar praza no teléfono 620451654.
San Román de Cervantes acollerá o vindeiro sábado, 24 de outubro de 2026, a VI Xornada de Degustación da Tenreira de Ancares, unha cita que volverá reunir veciñanza e visitantes arredor da gastronomía, os produtos locais e a tradición da montaña. A xornada desenvolverase no polideportivo do colexio de San Román e coincidirá coa celebración da XIV Feira de Artesanía, nunha programación que busca poñer en valor os recursos do territorio e favorecer o encontro e a convivencia.
As actividades comezarán ás 12:00 horas, coa presentación da xornada e a apertura dos postos da feira. Ás 13:00 horas actuará o grupo tradicional Os Xardois, antes de dar paso, ás 14:00 horas, ao xantar de degustación da Tenreira de Ancares.
Xa pola tarde, ás 16:30 horas, terá lugar un acto de homenaxe da Cooperativa A Carqueixa a Sandra de Vilaver. A programación musical continuará ás 17:00 horas coas actuacións de Os Xardois e Son de Cores, acompañadas dun obradoiro de baile impartido por Rebeca Tallón, unha proposta aberta á participación para gozar da música e dos bailes tradicionais.
A xornada contará tamén con actividades culturais e artesanais para todos os públicos. Durante todo o día poderá visitarse unha exposición do CENTRAD (Centro de Artesanía e Deseño da Área de Cultura da Deputación de Lugo), que contribuirá a achegar á veciñanza o traballo artesanal e a importancia da conservación dos oficios tradicionais. Ademais, a partir das 16:00 horas, desenvolverase un obradoiro de cerámica.
A VI Xornada de Degustación da Tenreira de Ancares e a XIV Feira de Artesanía convértense así nunha oportunidade para descubrir e apoiar os produtos, os oficios e as expresións culturais propias da montaña lucense. A través da gastronomía, a música e a artesanía, o encontro busca reforzar os vínculos comunitarios e dar visibilidade ao traballo das persoas e entidades que contribúen a manter viva a identidade dos Ancares.
A organización corre a cargo da Asociación de Mulleres Rurais Argalleiras e da Cooperativa A Carqueixa, coa colaboración do CDR Ancares, a ANPA do CPI de Cervantes, o Concello de Cervantes e o Grupo Castelo. A actividade conta co apoio da Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses e da Deputación de Lugo.