O Concello de Lugo informa de que a pasarela peonil da República Arxentina está en fase de execución

A estrutura metálica estase fabricando en dous talleres especializados. As cimentacións están previstas antes de que remate o ano e a instalación da pasarela, para finais de maio de 2027.

O Concello de Lugo informa de que as obras da pasarela peonil sobre a Ronda da República Arxentina están en marcha e avanzan conforme á planificación trasladada pola empresa adxudicataria.

A actuación foi adxudicada o pasado 24 de agosto á UTE formada por Citanias Obras y Servicios e Geocaminos, por un importe de 1.115.361,22 euros. O contrato formalizouse o 17 de setembro.

Na actualidade, a empresa está a fabricar a estrutura metálica en dous talleres especializados, debido ás características técnicas da infraestrutura. Esta fase dos traballos desenvólvese fóra da vía pública, polo que non é visible desde a rúa.

Segundo a planificación facilitada pola adxudicataria, as cimentacións executaranse antes de que remate o ano. A colocación dos piares está prevista para mediados de maio de 2027 e a instalación da pasarela para finais dese mesmo mes.

Esta última operación requirirá cortes de circulación na estrada nacional durante dúas ou tres noites, co obxectivo de realizar os traballos de colocación da estrutura.

O proxecto e a licitación foran aprobados o 29 de abril. Posteriormente, a adxudicación completouse en agosto e o contrato formalizouse o 17 de setembro, xa co actual Goberno municipal.

A nova pasarela permitirá mellorar a conexión peonil entre ambas as marxes da Ronda da República Arxentina. O Concello continuará facendo seguimento da actuación para comprobar o avance dos traballos e o cumprimento da planificación prevista.

Comparte éste artículo
No hay comentarios