Antonio Ameijide: “A Deputación de Lugo debería ser un motor para que os concellos máis pequenos puidesen medrar, pero a realidade é que pola falta de traballo e de xestión de PSOE e BNG os concellos da provincia están a perder oportunidades”.
Os deputados do Grupo Provincial Popular defenderán no pleno ordinario de outubro unha moción para instar ao goberno de PSOE e BNG a crear e poñer a disposición dos Concellos un departamento específico para o asesoramento aos mesmos na captación e xestión de fondos europeos.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, destaca que “nas xuntanzas que mantivemos hai uns días en Bruxelas constatamos con hai unha cantidade importante de axudas europeas para que os concellos de menor tamaño e capacidade poidan contar con estes recursos de cara a gañar máis servizos e competitividade”.
Neste senso, Ameijide destacou que os fondos europeos constitúen un importante recurso a disposición de todas administracións públicas para desenvolver proxectos en diversos ámbitos coma o sector primario, as infraestruturas, a industria, turismo, mobilidade, emprendemento ou servizos comunitarios. “Trátase de aproveitar estes fondos para crear oportunidades e contribuír ao desenvolvemento dos territorios”, destacou.
Por este motivo e ante a dificultade de moitos concellos para acceder a estes fondos por falta de capacidade para tramitalos, “a Deputación debería de poñer a disposición dos mesmos un departamento para asesorar e tramitar estas axudas”.
A realidade é que a Deputación de Lugo non ofrece a día de hoxe un servizo real e específico de cooperación cos Concellos para o asesoramento na captación e xestión destes fondos toda vez que para os Concellos é case inviable a xestión destes fondos por tratarse de administracións con moitos menos medios e recursos tanto económicos como persoais.
En cambio, outras Deputacións, dentro das súas competencias -reguladas no artigo 36.1.b) da Lei Reguladora das Bases do Réxime Local (LBRL)- de asistencia e cooperación xurídica, económica e técnica aos municipios, especialmente aos de menor capacidade económica e de xestión, si prestan un servizo específico aos Concellos neste ámbito, como pode ser o caso da Deputación de Pontevedra ou a Deputación de Ourense.
“A Deputación de Lugo debería ser un motor para que os concellos máis pequenos puidesen medrar, pero a realidade é que pola falta de traballo e de xestión de PSOE e BNG os concellos da provincia están a perder oportunidades”, lamentou.