O Concello de Lugo realiza traballos de emerxencia na rúa Catedral para retirar elementos con risco de caída á vía pública

A intervención céntrase na retirada de lousas da cuberta e doutros elementos da edificación que poden supoñer un perigo para as persoas que transitan pola zona.

O Concello de Lugo está a realizar unha actuación con carácter de emerxencia nun edificio situado na rúa Catedral, na contorna da Praciña da Universidade, para retirar elementos que presentan risco de desprendemento sobre a vía pública.

Os traballos consisten na retirada de lousas da vertente da cuberta orientada cara á rúa Catedral, así como na eliminación de carpintarías e doutros elementos da edificación que poidan supoñer un risco de caída.

Esta intervención prodúcese despois de que a pasada semana se desprendese parte dunha cornixa do inmoble. Tras ter coñecemento do sucedido, procedeuse ao valado da zona e ao corte da rúa como medida preventiva, mantendo un itinerario alternativo para a veciñanza pola rúa Bo Xesús.

A actuación ten como finalidade reducir os riscos derivados do estado da edificación e preservar a seguridade das persoas que transitan por esta contorna.

Comparte éste artículo
No hay comentarios