O Deportivo B afianza o liderado goleando ao pechacancelas en Abegondo (4-1)

O Deportivo B mostrouse como un líder sólido e aumentou a vantaxe sobre o Oviedo, segundo, que non pasou do empate caseiro contra o Burgos, a sorpresa da xornada. As herculinas distáncianse en tres puntos das asturianas e fican cunha marxe de nove sobre o Arratia, o primeiro do grupo que non ascendería a Primeira Federación.
Con Yaiza na portería, ao ter que xogar horas antes Ana co primeiro equipo por unha indisposición de Inês Pereira, as cousas non comezaron ben. Conscientes da súa superioridade sobre o Madrid B, pechacancelas, igualaron axiña o gol de Tuki co oportunismo de Antía Mayo e viraron o partido antes do descanso grazas a un medido centro de Marta Rico rematado por Sara Barreda, que está a converterse nunha especialista. No último terzo do xogo foi Karla quen apagou a incerteza ao resultado cun dobrete que incluíu a exquisitez do derradeiro gol.

O pechacancelas adiántase, pero o líder vira

No Arsenio Iglesias de Abegondo atopábanse o primeiro, Deportivo B, contra o último, Madrid C.F. B, nun partido no que malia a diferencia na táboa, presumíase entretido. Os malos resultados non se axustaban ao mellor xogo das madrileñas, que en choques anteriores chegaron a asoballar, sen goles, ao Sp. Gijón ou Racing.
O Deportivo B saíu como de costume, tendo o control do xogo, querendo iniciar sempre perto da divisoria. O rival aceptou a situación e calmou os seus afogos aos doce minutos, na segunda contra. Coya tomou a responsabilidade pola dereita, Tuki acompañou polo centro, recibiu na media lúa a axustou un disparo a media altura, xunto ao pau, ao que non chegou Yaiza.
O partido non mudou. Se cadra, o Deportivo B aumentou a presión e Antía Mayo estivo a piques de empatar nunha cabezada que pasou perto do poste aos 17 minutos. No 22 foi diferente. Sonsoles mandou un mísil desde 30 metros que sorprendeu a Nuria. Salvada inicialmente polo traveseiro, a contrapartida foi que o coiro foi onde Antía Mayo, no centro da área, que recolleu o rebote e anotou cun tiro baixo e polo centro. A atacante deportivista marcou por quinta xornada consecutiva.
O Deportivo impúñase por arriba en todas as accións a balón parado e descubriu que Nuria podía ter problemas nos balóns altos. No minuto 28, nun segundo saque de esquina consecutivo, Marta Rico, cun sentido da distancia excepcional, mandou o coiro ao primeiro pau e Sara Barreda, de cabeza, cruzou o 2-1. A dedicatoria foi para Mariño, lesionada de longa duración.
Puido chegar o terceiro no minuto 37. Sonsoles atendeu ao desmarque polo centro de Antía Mayo, que se beneficiou da dúbida de Nuria. A meta recuou, a atacante perdeu velocidade e unha defensa apareceu por atrás para roubarlle a pelota antes do disparo. Sara Cercido, desde lonxe, tamén probou sorte, pero o disparo, cun bote previo, embolsouno Nuria sen problema xunto ao poste esquerdo do seu marco.

As definicións de Karla son dunha categoría superior

O segundo tempo mantivo as pautas do anterior. O Madrid B alterou dúas posicións do once, pasando Cubero ao lateral dereito e adiantando a Sharon como mediacentro defensiva. No Deportivo B entrou Laurita por Sara Cercido.
Das locais foi o primeiro disparo tras un cano na banda de Jenny a Tuki. Logo, abriu o ataque cun pase para Paula Hernández, que simplificou a xogada cun xute desviado.
O Madrid B despregou unha boa contra no minuto 63, Tuki foi a iniciadora da triangulación cun pase interior para Ale Gómez. A ex da Universidade de Wake Forest apurou a profundidade da xogada cun pase diagonal para Coya. A exterior centrou longo e, na vertical do segundo pau, Ale Gómez non alcanzou o coiro por centímetros frustrándose a posibilidade de marcar na súa estrea co equipo madrileño.
O líder seguiu na procura da tranquilidade. Karla, nun ataque posicional, decidiu xutar desde lonxe sen fortuna. Dous minutos despois, no 67, Paula Hernández tomou o esférico en tres cuartos, ollou como Karla daba amplitude ao ataque ante unha defensa descompensada e serviulle o pase para que entrara na área e cruzara o 3-1 apoiándose na base do poste.
Tras o gol, o Deportivo B errou na demora dunha dobre substitución. O Madrid B sacou de centro e, con dúas máis sobre o campo debido a nova normativa, estiveron a piques de marcar con dous mans a mans consecutivos de Estefi e Coya. Yaiza, que se estreaba no marco local, brillou nas dúas saídas evitando o gol.
Antía Mayo lembrou a Cardeñosa ante Brasil no minuto 75. Karla fixo a xogada ate a liña de fondo, levou para si a dúas defensas, condicionou tamén á porteira, e cedeu a Antía Mayo para que empurrara o gol. Á ex sportinguista atrapallóuselle a pelota no pé e o seu xute, frouxo, foi afastado pola defensa.
Aitana, nunha xogada de forza, non deu por perdido un balón en tres cuartos. Gañou o balón dividido por dúas veces antes de que se lle abrira a opción de executar un disparo, pero Nuria chapou en dous tempos.
Na parte final, Nuria estivo atenta a un golpeo duro de Jenny. Reaccionou ben desviando a pelota pola liña de fondo. Sen embargo, non puido repetir no prolongamento ao ser superado por unha habelenciosa picadiña de Karla. Cuarto gol da barcelonesa que mostra en cada partido ser xogadora dunha categoría superior.
O Deportivo B chega á xornada de folga deixando a sensación que non só ñe candidato ao ascenso, senón a ficar campión do grupo I de Segunda Federación.

Ficha

DOMINGO 25/10/2026 (17,00) Campo: ARSENIO IGLESIAS (Mabegondo) (150)
R.C.D. A CORUÑA B : 4 – MADRID C.F. FEM. B : 1 (2‑1)

COR : Yaiza; Sara Barreda (Carballada 84’), Castiñeyras, Sonsoles (Aitana 68’); Jenny, Paula Hernández, Marta Rico (Noe Mayo 68’), Sara Cercido (Laurita D), Daniela; Karla, Antía Mayo. Tre. Aitor Prieto. (Banco: Martína (g); Vázquez; Claudia).
MAD : Nuria; Sofi (Bruna Mendes 79’), Cris, Sharon, Erce; Olah (Cubero D), Adriana, Noemí (Estefi 68’), Moni (Ale Gómez D), Tuki (Cho 68’); Coya. Tre. Alba Mellado. (Banco: Nerea (g); Ochoa).
Goles: 0-1 Tuki 11’; 1-1 Antía Mayo 23’; 2-1 Sara Barreda 29’; 3-1 Karla 68’; 4-1 Karla 90’.
Árbitro: Senín Fernández (Galiza-A Coruña). Auxiliares: Varela Recarey e Garabato Liñares.
Disciplina: CA: Carballada 89’ / Rafael Martos (deleg. MAD) 76’.

Foto: Nuria rexeita o disparo de Castiñeyras. © 21noticias.com

Comparte éste artículo
No hay comentarios