A Deputación da Coruña desprega todo o potencial gastronómico da provincia no Gastronomic Forum Barcelona

A representación coruñesa combinará a alta cociña con dous estrelas Michelin, relatorios de harmonía e a excelencia dos produtos de mar, terra e gando local.

A Deputación da Coruña desembarca a vindeira semana no Gastronomic Forum Barcelona cunha ampla programación destinada a promover o valor do produto local, a tradición culinaria e a vangarda gastronómica do territorio. Ao longo de tres xornadas, o espazo provincial acollerá exhibicións de cociña en directo, catas de queixos e viños con Indicación Xeográfica Protexida e Denominación de Orixe, así como degustacións diarias con algúns dos mellores profesionais do sector. 

A actividade comezará o luns coa apertura diaria de mañá a cargo dos cafés de Cafés Aruba, os panettones de San Isidro Bakery e as Galegas de Nata. Esa mesma xornada inclúe os showcookings de Nair González (Restaurante Muelle 43 e Confraría de Barallobre) preparando ameixas en salsa verde de algas e de Andrés Torreiro (Restaurante D’Obra) con propostas de allo porro con sardiña afumada e cremoso afumado de Arzúa-Ulloa. A mañá completarase cunha cata vertical de queixos guiada por Óscar Ramil, xerente do CRDOP Arzúa-Ulloa, mentres que pola tarde o sumiller Alejandro Paadín dirixirá un taller de harmonías con viños da IXP Terras de Betanzos e porco celta de Cárnicas Domínguez, pechando coas degustacións de Empanadas Ternura da Coruña. Así mesmo, na Sala Taller terá lugar o relatorio-degustación “Unha viaxe da cociña familiar á alta gastronomía” a cargo do chef Manuel Costiña, do restaurante Retiro da Costiña, con dúas estrelas Michelin, quen porá en valor o polbo de Lira, a pataca de Coristanco e a carne de raza cachena. 

O martes a axenda continuará cos showcookings de Víctor Basante (Restaurante Arrueiro), quen elaborará vieiras á galega con morro, orella e cogomelos de tempada xunto coa súa creación “Praia dos Cristais”, e novas sesións de Nair González dedicadas á empanada de navallas ao estilo de Mugardos. A xornada inclúe tamén un taller de harmonías entre viños da D.O. Rías Baixas María Manuela, queixo Galmesán e patacas fritidas Bonilla a la Vista, ademais das presentacións de Conserveira de Ribeira con ostras afumadas e voandeiras e os produtos de porco celta de Cárnicas Domínguez.

O mércores pecharase o programa coa presenza de Mar Lago e Álex Martínez (Restaurante Bacelo) e as súas propostas de “Antollo ferrolán” e navallas a 65º con allo branco de pistacho. Nair González presentará a preparación de carneiro con caldo do lacón e grelos, e Alejandro Paadín conducirá un último taller de harmonías unindo viños da IXP Barbanza e Iria con patés tradicionais de atún, mexillón, polbo e navalla da Conserveira de Ribeira.

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, subliñou que “a presenza no Fórum de Barcelona é unha oportunidade inmellorable para amosar a enorme calidade da nosa despensa e o talento dos nosos cociñeiros. Queremos trasladar a esencia da nosa paisaxe a través do sabor, demostrando que a provincia da Coruña é un referente gastronómico de primeiro nivel onde a tradición e a innovación van da man para xerar valor no noso territorio e no sector turístico”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios