A Deputación de Lugo entrega a Lugomadera unha aula móbil para axudar á capacitación profesional no propio monte

A unidade móbil conta con equipamento audiovisual e ferramentas demostrativas para impartir accións formativas en materia de seguridade laboral, manexo de maquinaria, técnicas de poda e boas prácticas ambientais e viarias.

O salón de actos da Deputación Provincial de Lugo acolleu este venres a celebración da Asemblea xeral extraordinaria da Asociación de empresarios da primeira transformación da madeira de Lugo, Lugomadera. No marco deste encontro, a presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, fixo entrega á presidenta da asociación, Mª Carmen Gayoso, dunha furgoneta preparada e acondicionada como aula móbil de formación, financiada pola institución provincial.

Durante o acto de entrega, a presidenta da Deputación destacou que “apoiar a formación continua e a seguridade das persoas que traballan no monte é fundamental para o desenvolvemento do noso rural. Con esta aula sobre rodas facilitamos que o coñecemento chegue directamente onde está a actividade, mellorando a competitividade e as condicións de traballo nun sector clave para a economía lucense”.   

Un aula móbil ao servizo dos profesionais forestais

A unidade móbil conta con aula portátil, ferramentas demostrativas e material audiovisual, e ofrecerá contidos adaptados ás necesidades reais do sector. As accións formativas abranguerán desde operacións forestais básicas, como apeo, desbroce ou poda, ata aspectos normativos, ambientais e preventivos. 

A seguridade e a saúde laboral terán un papel destacado, con formación específica sobre o uso correcto dos equipos de protección individual e a aplicación de técnicas de traballo seguro.

Fronte aos modelos tradicionais, que esixen desprazamentos a centros especializados, esta aula itinerante permitirá impartir formación directamente no monte, facilitando o acceso á actualización de coñecementos e á formación continua sen que a distancia ou a dispersión territorial supoñan unha dificultade engadida.

Coa posta en marcha deste proxecto, a Deputación de Lugo reafirma a súa aposta pola profesionalización do sector forestal, pola mellora da seguridade laboral, pola incorporación de novos profesionais e polo fortalecemento dun tecido produtivo esencial para a economía, o emprego e o futuro do rural lucense.

Asemblea de Lugomadera no Pazo de San Marcos

O salón de actos da Deputación acolleu a celebración da Asemblea xeral extraordinaria 2026 de Lugomadera. A xornada concluíu ás 13:00 horas co acto de clausura, que correu a cargo do Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón. 

Durante a súa intervención, Rivera destacou a relevancia da asociación, lembrando que «Lugomadera integra máis de 270 empresas que representan case a metade do sector en Galicia», o que converte ao colectivo nun piar estratéxico para a economía da provincia. Así mesmo, o deputado subliñou que «o sector forestal e da madeira é moito máis que unha actividade económica; é industria, aproveitamento sustentable dos recursos do territorio e unha oportunidade real para xerar riqueza e fixar poboación nos nosos concellos», reafirmando o compromiso da Deputación de seguir colaborando da man do tecido empresarial para responder ás súas necesidades reais. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios