A Asociación dos Bombeiros dos GES de Galicia (AGESGA) manifesta a súa profunda preocupación polas explicacións ofrecidas polo presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, no pleno do pasado 30 de outubro. Unha representación da entidade asistiu á sesión para escoitar a resposta ás preguntas do deputado Xosé Manuel Puga sobre os incendios que destruíron dúas vivendas na Pobra de Trives.
O balance non puido ser máis desalentador: «Saímos coa mesma preocupación coa que entramos: o rural segue sen unha cobertura de emerxencias á altura das súas necesidades», sinalan desde o colectivo.
Unha hora de demora inadmisible
No pleno, o propio Menor recoñeceu un tempo de resposta dunha hora para a chegada do GES de Castro Caldelas ao incendio, engadindo que ningún parque do Consorcio provincial fora mobilizado polo 112 e que a Deputación solicitara información ao concello sen obter contestación.
Para AGESGA, tras dous incendios en vivendas, a resposta institucional non pode limitarse a debater quen activou os recursos ou quen non respondeu a un correo electrónico: unha hora de espera non pode asumirse xamás como unha cobertura suficiente.
O mapa teórico fronte á realidade operativa
Ourense conta con catro parques comarcais de bombeiros, pero a dispersión e as grandes distancias impiden chegar a tempo a moitos núcleos. Para cubrir esas zonas de sombra existen precisamente os GES. Con todo, se as bases pechan, se a garda queda cun único efectivo ou se non se substitúen as baixas, a rede deixa de funcionar. «Non abonda con debuxar un mapa de emerxencias sobre o papel; cando faltan os efectivos, ese mapa está roto«, denuncian.
Ante a derivación de responsabilidades ao 112 e á Xunta por parte do presidente provincial, AGESGA lembra que mobilizar unha emerxencia non é o mesmo que garantir que existan servizos capaces de atendela. O artigo 26.d da Lei 5/2007 de emerxencias de Galicia encomenda ás deputacións garantir a prestación destes servizos nos concellos sen recursos propios. «Non se trata dunha cortesía política nin dunha achega voluntaria: trátase dunha obriga legal», subliñan.
Financiamento non é garantía
Respecto ao anuncio de axudas extraordinarias de 40.000 euros para gastos de funcionamento dos GES, AGESGA aclara que, aínda que benvidos sexan os recursos, financiar non equivale a garantir o servizo. «Ninguén daría por cuberta a atención pediátrica dunha comarca porque se anunciaran millóns se despois non houbese pediatra. Nas emerxencias pasa exactamente o mesmo: os billetes non apagan incendios; o que salva vidas é dispoñer de profesionais, medios operativos e bases abertas«.
A asociación lembra que leva anos denunciando peches, gardas localizadas na Gudiña e vacantes crónicas sen cubrir. De pouco serve adquirir equipos materiais con fondos públicos se despois non hai persoal dispoñible.
Un modelo insostible e unha desculpa á cidadanía
AGESGA cualifica de gran contradición falar de reto demográfico e animar a vivir nas aldeas mentres se negan servizos esenciais. A seguridade dunha familia non pode depender do seu código postal nin da vontade dun concello concreto.
Recuperando as desafortunadas palabras do xefe provincial de Emerxencias, José Ramón Sánchez Feijóo (É inevitable que se queimen casas), o colectivo lamenta que con esta xestión se estean creando as condicións obxectivas para que iso suceda, poñendo como exemplo a devastación de San Vicente de Leira ou o ocorrido en Trives.
Por todo isto, a asociación reclama á Deputación e á Xunta diálogo real, compromisos por escrito e prazos verificables, así como a integración dos GES nun sistema provincial de bombeiros único, con bases territoriais, cobertura presencial 24 horas e dotacións suficientes.
Para rematar, AGESGA quixo dirixirse publicamente á cidadanía ourensá: «Queremos pedir desculpas aos ourensáns pola situación de desprotección. Non porque seamos responsables das decisións políticas, senón porque nos doe ver familias que perden a súa casa e veciños que agardan unha axuda que non chega a tempo. Os traballadores levamos anos sostendo o servizo grazas ao noso compromiso persoal, pero a nosa vontade non pode substituír indefinidamente as obrigas das administracións«. «Sr. Menor, a provincia non necesita máis explicacións sobre quen chama a quen. Necesita un servizo de bombeiros que chegue cando se necesita. Póñanse a traballar: a seguridade do rural non pode esperar», conclúen