A candidata de Fronte Ampla ao Congreso por Pontevedra, Gloria Alonso, e a líder de Sumar e tamén candidata ao Congreso, Verónica Barbero, protagonizaron esta mañá un acto de campaña no mercado de Bouzas, en Vigo. Ambas presentaron as principais medidas dun proxecto político enfocado en traducir o crecemento económico en dereitos reais para a maioría social fronte ás políticas conservadoras.
Pensións dignas e xubilación aos 65 anos
Verónica Barbero situou como eixo prioritario a dignificación das pensións, propoñendo que ningunha prestación quede por embaixo do salario mínimo interprofesional —cifrado en 1.221 euros— e reclamando o retorno á idade de xubilación aos 65 anos. «Non pode ser que quen sostivo a vida dos demais chegue ao final da súa vida laboral sen ingresos suficientes para soster a súa propia», subliñou Barbero, poñendo o foco nas mulleres que traballaron durante décadas en condicións de precariedade e asumiron os coidados sen o correspondente recoñecemento.
Para soster esta iniciativa —valorada nuns 20.000 millóns de euros anuais—, a formación aposta por unha reforma fiscal xusta onde as grandes empresas e os grandes patrimonios asuman unha maior carga impositiva.


Comedores escolares gratuítos e universais
Pola súa banda, Gloria Alonso puxo o acento na igualdade de oportunidades dende a infancia a través da campaña «Ningunha crianza sen comedor«. A candidata esixiulle ao Goberno galego a creación dun sistema público de comedores escolares con gratuidade progresiva e cobertura universal de 0 a 16 anos.
«Comer ben na escola ten que ser un dereito, non algo que dependa da renda das familias nin do concello no que vivan«, recalcou Alonso, advertindo que de non asumilo a Xunta, terase que impulsar dende o Ministerio de Dereitos Sociais.
Impostos aos grandes propietarios contra a burbuxa do alugueiro
Barbero tamén alertou de como a crise habitacional absorbe os incrementos salariais e das pensións. Como solución, Fronte Ampla propón implantar un imposto do 10% sobre o valor dos inmobles de grandes tenedores e fondos de investimento que manteñan alugueiros por riba dos índices de referencia, co obxectivo de forzar unha corrección de prezos que reduza a media mensual de 843 a 579 euros.