Paula Prado chama a “formar parte do cambio” nun masivo acto de Feijóo en Santiago o 14 de novembro

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, anima aos galegos e galegas que queiran “formar parte do cambio” en España a arroupar a Alberto Núñez Feijóo nun gran acto multitudinario no Multiusos Fontes do Sar, en Santiago de Compostela, que se celebrará o próximo 14 de novembro. O obxectivo, di Prado, é demostrarlle ao presidente do PP nacional que Galicia “está con el, traballando sen descanso para que sexa o próximo presidente de España”. Tamén estará presente o líder do PPdeG, Alfonso Rueda, nun acto no se que se prevé unha gran mobilización de afiliados e simpatizantes. 

Así o manifestou esta mañá na sede autonómica do partido, tras unha reunión de traballo do Comité de Campaña do PPdeG para as Eleccións Xerais, no que Prado exerce como directora de campaña. Neste sentido, o mitin de Feijóo en Santiago tamén servirá para amosar que a maquinaria do PP en Galicia está “sempre engraxada” e conta cun “gran equipo” para contribuír a “darlle esplendor a España”.

A número dous dos populares galegos reivindica o proxecto de Feijóo como “o único válido” para que España funcione, deixando a un lado a todos eses partidos que estes oito anos deron o seu apoio a Sánchez. “Acabouse o tempo do BNG, en Galicia non forma parte da ecuación do cambio, porque aquí a única opción para desaloxar a Sánchez da Moncloa é o Partido Popular”, engade. 

Neste punto, tamén criticou que a esquerda “intente branquear” a imaxe de Óscar Puente e de Pedro Sánchez, despois de que se coñecese onte a dimisión do xa ex ministro de Transportes, cando realmente non se vai pola traxedia de Urda, senón polos “malos resultados nas enquisas”, o “único que lles importa”.

Para Prado, esta dimisión fíxose “baixo o respaldo do Goberno, de Sánchez, e de diferentes dirixentes do PSOE”. Así, lembrou que ata o propio Besteiro dixo que Puente representa o mellor da política. “Se de verdade representaran o mellor da política, o xa exministro dedicaríase a xestionar e non a tuitear. Encarna a peor política”, subliña. A secretaria xeral dos populares galegos insiste en que a responsabilidade é de Pedro Sánchez, “quen primeiro puxo as Infraestruturas en mans de Ábalos e despois de Puente”, polo que “os dimitiremos nas urnas”. 

No encontro de traballo, no que se abordaron as próximas accións da campaña a 25 días de que se celebren as eleccións, Prado lembrou o obxectivo de percorrer Galicia para escoitar á veciñanza e dar a coñecer o proxecto de Alberto Núñez Feijóo, “un contrato con España, porque el, como ben sabemos en Galicia, é unha persoa de palabra”.

Tamén aproveitou para defender o modelo de “rigor, responsabilidade e xestión” que caracteriza ao PPdeG, fronte a “propaganda” do PSOE, “consentida” polos seus socios de goberno do independentismo galego. 

No comité de campaña, reivindicaron que o Partido Popular “ofrece seguridade e promete devolver a España todo o que Sánchez lle arrebatou”. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios