Fran Cajoto: “A provincia de Lugo terá futuro se o sector vacún de leite ten futuro”

O deputado de Recursos Sostibles reivindica o papel estratéxico da gandería para fixar poboación, xerar emprego e manter vivo o rural durante a inauguración das XXIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de SERAGRO, celebradas co apoio da Deputación.

O deputado de Recursos Sostibles, Fran Cajoto, participou xunto ao presidente de SERAGRO, José María García Nieto, e o decano da Facultade de Veterinaria, Fernando Muñóz Guzón, na inauguración das XXIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite, onde puxo en valor a importancia do sector lácteo para a economía provincial e, especialmente, para fixar poboación e garantir o futuro do rural.

Cajoto destacou o apoio da Deputación a estas xornadas e agradeceu á Sociedade Cooperativa Galega (SERAGRO) o seu traballo para consolidar esta cita como un espazo de encontro, formación e intercambio de coñecemento entre os profesionais. “A provincia de Lugo terá futuro se vós tedes futuro”, afirmou. Neste sentido, subliñou que contar cun sector primario forte, e especialmente cunha gandería de vacún de leite competitiva, é fundamental para manter vivas as aldeas e parroquias, xerar oportunidades e impulsar o desenvolvemento das comarcas.

Segundo datos do Instituto Galego de Estadística (IGE), Lugo concentra máis de 2.100 explotacións de produción de leite, o que representa en torno ao 44 % das existentes en Galicia, e produce aproximadamente o 45 % do leite da comunidade. Un peso que vai moito máis alá da produción, xa que a gandería sostén milleiros de familias e xera emprego directo e indirecto en toda unha cadea de actividades vinculadas, desde os servizos veterinarios e o transporte ata as cooperativas, a alimentación animal e a industria transformadora.

“A xente nova debe ver na gandería unha oportunidade de futuro”

O deputado incidiu en que garantir a continuidade do sector pasa por contar con explotacións rendibles e competitivas, nas que os profesionais poidan vivir dignamente do seu traballo. “Non hai sustentabilidade posible se non hai viabilidade económica, nin relevo xeracional se a xente nova non ve na gandería unha oportunidade de futuro”, sinalou.

Neste sentido, destacou a importancia de apostar pola innovación, a formación e a investigación, así como pola mellora continua para que as explotacións poidan estar á vangarda e competir desde a excelencia, un obxectivo que promoven iniciativas como as xornadas organizadas por SERAGRO.

Compromiso co sector lácteo

Cajoto lembrou tamén o compromiso da Deputación co sector primario e puxo como exemplo a Granxa Gayoso Castro, onde se atopa a Granxa Experimental de Leite, o primeiro centro público experimental de Galicia que combina formación e investigación arredor do sector lácteo.

Este proxecto busca poñer o coñecemento e a innovación ao servizo dos profesionais para contribuír a mellorar a eficiencia e a rendibilidade das explotacións.

O deputado felicitou a SERAGRO pola organización dunha nova edición destas xornadas e agradeceu o traballo diario dos gandeiros e gandeiras, reiterando o apoio da Deputación a un sector estratéxico para a economía, o territorio e o futuro da provincia.

Comparte éste artículo
No hay comentarios