Roteiro literario por Carballo con Rosalía Fernández Rial

Do 21 de novembro de 2026 ao 31 de decembro de 2026.

O Roteiro literario por Carballo, guiado por Rosalía Fernández Rial, forma parte dunha iniciativa da AELG que pretende dar a coñecer as cidades e vilas do país da man das nosas escritoras e escritores, que exercen de guías tomando como base obras propias ou alleas vinculadas a eses espazos. Deste xeito, posibilítase que a cidadanía goce persoalmente dos espazos físicos na súa relación coa memoria literaria.

– O roteiro presencial terá lugar o domingo 22 de novembro de 2026, a partir das 11:30 horas, tendo como punto de encontro inicial o cruzamento da rúa da Lagoa coa rúa Vila de Negreira en Carballo. Mudouse a data inicialmente prevista do sábado 21 ao domingo 22 polas condicións meteorolóxicas adversas previstas para o sábado.

A asistencia como público é libre e gratuíta, non precisando inscrición previa.

Xunto á autora, participarán tamén no roteiro o escritor e editor Miguel Anxo Fernán-Vello, a investigadora Laura Barral e a regueifeira Lupe Blanco. En palabras de Rosalía Fernández Rial: «Tratarase por tanto dun percorrido coral que intentará transformar a visión que os paseantes teñen sobre o Anllóns, co fin de concibir o río como un suxeito con dereitos coma un igual e superando as visións antropocéntricas do mundo que tanto mal fixeron á natureza.»

A autora elaborará un texto escrito máis completo sobre o roteiro, que estará dispoñíbel nesta mesma páxina web nos seguintes meses.

Comparte éste artículo
No hay comentarios