O Concello de Lugo participa nas VI Xornadas contra a Violencia de Xénero centradas no acoso dixital

O concelleiro Gustavo Díaz Rey alertou na inauguración do evento organizado por Alar Galicia do impacto do ciberacoso e a difusión de imaxes sen consentimento.

O Concello de Lugo reafirmou o seu compromiso coa loita contra a violencia machista durante a apertura das VI Xornadas de Prevención e Sensibilización da Violencia de Xénero, celebradas no edificio administrativo da Xunta de Galicia e organizadas pola entidade Alar Galicia.

O concelleiro de Política Social, Maiores e Migración, Gustavo Díaz Rey, participóu na inauguración xunto a especialistas e representantes institucionais para pór o foco nunha das problemáticas actuais máis preocupantes: a violencia dixital.

O impacto psicolóxico do ciberacoso e a difusión de contidos

Durante a súa intervención, Díaz Rey puxo de relevo que o dano derivado das redes sociais e a tecnoloxía transcende o ámbito virtual: «O dano que se fai a través dunha pantalla non queda dentro da pantalla. Acompaña á persoa que o sofre cando vai traballar, cando chega á casa e mesmo cando intenta durmir», sinalou.

Así mesmo, o edil fixo fincapé na responsabilidade colectiva fronte ao compartido de material íntimo sen consentimento: «Non sempre podemos evitar que alguén faga algo mal, pero si podemos decidir non axudarlle a facer máis dano», subliñando a necesidade de non culpabilizar ás vítimas e erradicar a complicidade en liña.

Un foro de debate con expertos en prevención

O encontro, baixo o título A violencia dixital, estruturouse en varias mesas de traballo e debate con profesionais do ámbito social, psicolóxico, de seguridade e institucional. Entre os participantes figuraron representantes da Xunta de Galicia, a Garda Civil, Alar Galicia, Aliad-Ultreia e Cáritas.

O programa abordou ferramentas clave de prevención, recursos de atención ás vítimas, control exercido a través das redes sociais e novas formas de ciberviolencia, concluíndo cunha clara mensaxe de liberdade: «Non queremos que ninguén teña que apagar o seu teléfono para sentirse a salvo».

Comparte éste artículo
No hay comentarios