A actriz luguesa Estíbaliz Veiga protagonizou esta mañá no Pazo de San Marcos a segunda actividade da programación do 25N da Deputación de Lugo coa representación de Golpes, unha peza da compañía galega aAntena, escrita e dirixida por Xosé Leis. A deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, e o deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, asistiron á xornada, na que o público puido achegarse á historia de Pamela, unha moza que vai cedendo espazo e liberdade en situacións cotiás ata converterse nunha vítima de violencia machista.
Tras a representación, a actividade continuou cunha análise audiovisual, un debate guiado e unha charla sobre a pedagoxía do consentimento e a coordinación de intimidade no audiovisual. Veiga, que conta con experiencia como coordinadora de intimidade e menores en producións de Netflix, explicou o traballo que hai detrás das escenas íntimas, desde a preparación e os ensaios ata a rodaxe, facendo fincapé na importancia de pactar os límites, respectar as decisións das persoas intérpretes e garantir un consentimento libre, informado e reversible.