O obradoiro é aberto, gratuíto e non precisa inscrición previa e será impartido pola xornalista Carmen Quintela, especializada en xornalismo de investigación.
A Deputación de Lugo e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia ofrecen á cidadanía da provincia diversos obradoiros para formarse contra a desinformación. Mañá sábado 28 de novembro os veciños e veciñas de Castroverde, terán a oportunidade de aprender a identificar noticias falsas, desenvolver un pensamento crítico e concienciarse sobre un consumo responsable da información no actual contexto dixital.
Aberto ao público, con entrada libre e gratuíta, sen necesidade de inscrición previa, o taller estará impartido por Carmen Quintela a partir das 12:00 horas no Centro Sociocultural Paco Pestana de Castroverde.
Carmen Quintela Babío, especializada na cobertura e investigación con enfoque de xénero, traballa actualmente a distancia como coordinadora editorial da Agencia Ocote, medio guatemalteco especializado en temas de xénero, medioambiente, memoria histórica e verificación, e colabora tamén en medios como elDiario.es.
O seu traballo foi recoñecido en dúas ocasións co premio nacional de xornalismo de Guatemala e nunha co premio da Iniciativa para o Xornalismo de Investigación nas Américas do ICFJ e o traballo coordinado por ela No fue el fuego, foi galardoado co Premio Gabo 2022 na categoría de cobertura.
Para o desenvolvemento deste obradoiro sobre desinformación, Quintela recibiu formación específica no tratamento das violencias machistas impartida pola profesora Isabel Menéndez Menéndez, catedrática de Comunicación Audiovisual na Universidade de Burgos e experta na materia.
Protexerse nun contexto de proliferación de noticias falsas
O contexto actual, de proliferación de noticias falsas, está a danar profundamente ao xornalismo, que se enfronta a unha crise sen precedentes, e á propia memoria democrática da nosa sociedade. Sen ferramentas para poder defendernos, ninguén está libre de ser vítima ou propagador da desinformación, advirte o Colexio de Xornalistas.
Os concellos participantes nestes obradoiros contra a desinformación son os de Barreiros, Burela, Castroverde, Castro de Rei, Chantada, Cervantes, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guitiriz, Lugo, Monforte de Lemos, Pedrafita do Cebreiro, Quiroga, Sarria, Taboada, Trabada, Vilalba e Viveiro.
As formacións son impartidas por profesionais colexiados e colexiadas que recibiron formación específica: María del Carmen Abuín González, Elena Martín Lores, Maria Selina Otero Verdes, Carmen Quintela Babío, Miguel Rodríguez Fernández, María del Pilar Rodríguez Losada e Marga Tojo González.