O proxecto europeo que pretende integrar a Intelixencia Artificial na FP comparte experiencias no Campus Industrial de Ferrol da UDC

por Redacción A Coruña

O profesor da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Abraham Prieto García, lidera, en representación da Universidade da Coruña (España), unha iniciativa de innovación docente na que participa a Universidade de Liubliana (Eslovenia) e a Universidade de Minho (Portugal)

O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolleu, este xoves 17 de agosto, unha xornada divulgativa en formato híbrido, presencial e telemático, para compartir ideas e experiencias, centrada no Proxecto Europeo Erasmus+ AIM@VET “Artificial Intelligence learning modules to adapt VET to the digital transformation of the labour market”, unha iniciativa de innovación docente que lidera, en representación da Universidade da Coruña, o profesor da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Abraham Prieto García.

O profesorado do Campus Industrial de Ferrol implicado no Proxecto Europeo Erasmus+ AIM@VET programou, no marco do evento #ErasmusDays, unha xornada de divulgación na que tamén se avanzou na elaboración dun plan de estudos que permita incorporar a Intelixencia Artificial (IA) nos ciclos de Formación Profesional. Para acadar este obxectivo e centrándose no eido da robótica, persoal docente da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) xunto con persoal investigador vinculado ao Grupo Integrado de Enxeñaría da Universidade da Coruña leva xa meses colaborando co profesorado e co alumnado do Ciclo Superior de Desenvolvemento de Aplicacións Multiplataforma e máis do Ciclo Superior de Administración de Sistemas Informáticos en Rede do CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro de Ferrol na elaboración e no testeo diversas unidades didácticas.

Ao longo da mañá, presentáronse unha serie de vídeos con testemuños de persoal docente e investigador pertencente á Universidade de Liubliana (Eslovenia), Universidade da Coruña (España) e á Universidade de Minho (Portugal) así como do profesorado e do estudantado do Centro de Formación Profesional de Velenje (Eslovenia), do CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro de Ferrol (España) e do Centro de Formación Profesional de Caldas de Taipas (Portugal).

A maiores, a  xornada de divulgación incluíu tamén unha mesa redonda na que participaron, de xeito presencial, o avogado e apoderado do Grupo Intaf, Nonito Aneiros; o xefe de Produto de Nostos Genomics, Pablo Botas; o xerente de 3.14 Financial Contents, Manuel Míguez; e os profesores do CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro de Ferrol, María Meizoso García e José María Bey Otero. O resto de persoas convidadas interviron de xeito telemático desde os seus países de orixe, Eslovenia e Portugal.

Elaborando e testeando guías dixitais centradas no eido da robótica

No Proxecto Europeo Erasmus+ AIM@VET “Artificial Intelligence learning modules to adapt VET to the digital transformation of the labour market” participan persoas expertas en Intelixencia Artificial (IA) vinculadas á Universidade de Liubliana (Eslovenia), á Universidade da Coruña (España) e á Universidade de Minho (Portugal). Do mesmo xeito, tamén colabora nesta iniciativa de innovación docente o profesorado e alumnado do Centro de Formación Profesional de Velenje (Eslovenia), do CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro de Ferrol (España) e máis do Centro de Formacion Profesional de Caldas de Taipas (Portugal).

A proposta de plan de estudos que se está a deseñar de xeito conxunto entre as tres universidades e os tres centros de Formación Profesional europeos implicados distribúese en tres bloques ben diferenciados nos que se traballan contidos relacionados coa robótica, a visión artificial e coa intelixencia ambiental. De feito, ao remate do proxecto, previsto para xullo de 2025, a Universidade da Coruña entregará un currículo que incluirá unha serie de guías dixitais, centradas no eido da robótica e dirixidas ao alumnado e profesorado de Formación Profesional, nas que figurarán unha ducia de unidades didácticas que incluirán fundamentos conceptuais, propostas de actividades así como outro tipo de material de respaldo como poden ser os arquivos de simulación ou os cadernos de código aberto Jupyter.

O proxecto AIM@VET está financiado pola Comisión Europea a través do Programa Erasmus+ e conta cun orzamento de 400.000 euros. A Universidade da Coruña dispón de 93.000 euros para levar a cabo os traballos de coordinación, a elaboración e o testeo das unidades nos centros formativos así como a diseminación dos resultados e actividades no marco da comunidade educativa de referencia.

Foto portada: Profesorado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), persoal investigador vinculado ao Grupo Integrado de Enxeñaría da Universidade da Coruña así como persoal docente e alumnado do CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro, diante do Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario