A alcaldesa, Inés Rey, presentou a programación completa da competición, que contará tamén con zona gastronómica, concertos, charlas e área comercial.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou esta mañá na fonte dos surfistas o Campionato de España de Surf Open 2024, un evento que se celebrará do venres ao domingo na enseada do Orzán, principalmente na contorna da praia do Matadoiro, e que leva o nome de ‘A Coruña King and Queen of the Bay’.
«Se hai unha cidade galega que poida acoller esta proba, esa é A Coruña, pois estamos ligada ao océano Atlántico que baña esta enseada do Orzán», sinalou Inés Rey. Tamén estiveron presentes o presidente da Federación Galega de Surf, Román Díez, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles. Acompañaron á alcaldesa o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, e o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez. A rexedora agradeceu a colaboración das diferentes institucións na organización desta competición. «Non só teremos un campionato de primeiro nivel, ao que poderán asistir como espectadores todos os coruñeses e coruñesas, senón tamén unha gran festa do surf con numerosas actividades paralelas, que van desde concertos, gastronomía e comercio a charlas e actividades de concienciación ambiental», celebrou a alcaldesa.
Durante tres días de competición os e as participantes loitarán polo título de campión e campioa de España 2024. Ademais, o ou a deportista que durante a fin de semana surfee a mellor onda levará un premio co nome de Tito Fariña, en homenaxe ao pioneiro surfista coruñés falecido hai catro anos. Ademais, o evento contará con diferentes propostas de ocio e gastronomía para complementar a actividade deportiva. Haberá concertos, zona gastronómica e comercial e diferentes actividades que se irán desvelando nas vindeiras semanas.
O evento dividirase en tres zonas: a fonte dos surfistas, onde estará a parte deportiva do evento; o paseo marítimo, entre a fonte dos surfistas e a Finca dos Mariño, onde se situarán as diferentes propostas gastronómicas e comerciais; e a propia Finca dos Mariño, onde se celebrarán as actuacións musicais. Entre as actividades paralelas previstas haberá charlas sobre a historia do surf en Galicia e sobre o surf adaptado, recollida de lixo nas praias, clases de skate e bautismo de surf para persoas con diversidade funcional e outros obradoiros.
Está prevista a participación de medio cento de deportistas de primeiro nivel nacional (32 homes e 16 mulleres), sendo a delegación máis numerosa a de Galicia con 11 persoas. Tamén participarán oito deportistas de Canarias, 12 do País Vasco e 10 de Cantabria e sete de Asturias. Destaca a presenza do deportista olímpico Andy Criere, principal favorito na categoría masculina xunto a Yago Domínguez (País Vasco) e Luis Díaz (Canarias). Na proba feminina destacan as canarias Lucía Machado e Sol Borelli e a asturiana Enara Palacios. Haberá premios de 800, 500, 300 e 125 euros aos primeiros catro clasificados de cada categoría. Ademais, o trofeo Tito Fariña terá un premio económico de 500 euros.
A asistencia a todas as actividades e eventos será gratuíta. A competición deportiva está financiada polo Plan de Sostibilidade Turística A Coruña Sostible e Dixital, cuxas actuacións son financiadas a partes iguais pola Secretaría de Estado de Turismo, a Axencia de Turismo de Galicia e o Concello.