Ribadeo dispón na actualidade de dous accesos á vila desde a A-8 en sentido Galicia, pero en sentido Asturias só hai un.
O Goberno de Pedro Sánchez négase a habilitar un segundo enlace de Ribadeo coa A-8 en sentido a Asturias ao considerar que son suficientes os existentes “contradicindo ao PSOE local e ao seu socio de Goberno, o BNG, que ten apoiado no Pleno da Corporación local esta reivindicación dos ribadenses e veciños e veciñas de concellos próximos”. Así o manifestan os senadores do PP lucense – José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- tras coñecer a resposta do Executivo por escrito a unha pregunta súa formulada oficialmente.
Concretamente, o Goberno sinala que “a configuración actual da accesibilidade a Ribadeo desde a A-8, a través dos enlaces existentes e a sinalización de Ribadeo, en ambos sentidos, son acordes a normativa vixente”.
Os senadores dirixíanse ao Goberno de Sánchez para coñecer a súa postura ao respecto desta petición que lles trasladaba o alcalde, Dani Vega, en referencia a unha demanda recorrente dos veciños do municipio e de localidades próximas.
Actualmente Ribadeo dispón de dous accesos á vila desde a A-8 en sentido Galicia, pero en sentido Asturias só hai un. Os populares citan como vantaxes da execución do novo enlace “unha mellor distribución do tráfico, evitando a conxestión, mellorar a seguridade viaria con máis opcións de entrada e saída da vila, e a flexibilización do tráfico en caso de obras, accidentes ou eventos imprevistos, ao habilitar unha nova ruta alternativa.
O segundo acceso non presenta, a priori, unha gran dificultade técnica; porque “xa existe unha rotonda de conexión” e, ademais, melloraríase substancialmente a comunicación viaria na zona facilitando o paso a diferentes áreas beneficiando aos residentes e negocios.
REIVINDICACIÓN DE TÓDOLOS GRUPOS MUNICIPAISA
Revindicación deste segundo acceso “non é nova. Leva falándose desde hai moito tempo”. De feito, “o segundo acceso xa foi demandado por anteriores gobernos municipais e apoiada por tódolos grupos do pleno: o Partido Popular, o BNG e o PSOE”.