O PP esixe á Deputación a adopción de medidas urxentes na LU-P-5601, en Folgoso do Courel, xa que un treito de estrada “está no aire”

por Redacción Lugo

Antonio Ameijide pide unha actuación inmediata para garantir a seguridade neste punto, traballos de arranxo que os veciños e o Concello levan meses demandando “antes de que suceda calquera tipo de accidente”.

Os deputados do Grupo Provincial Popular levan todo o mandato denunciando “a falta de mantemento” da rede de estradas provincial por parte de PSOE e BNG, “o que converteu estas vías en zonas moi perigosas”.

Un claro exemplo deste perigo é a estrada provincial LU-P-5601 en Folgoso do Courel que, ao seu paso por Paderne, ten un treito de varias decenas de metros “no aire” xa que a terra sobre a que se asenta a estrada correu cara abaixo “perdendo así gran parte do apoio que sostén esta vía”.

Unha situación que comprobou in situ o voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, xunto á alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro. “A Deputación ten que actuar xa, non pode deixar pasar un día máis sen facer nada porque o perigo é real e a estrada pode caer sobre as vivendas que hai na parte inferior ou mentres circulan vehículos por ela”, denunciaron.

Nesta zona parte do talud sobre o que se asenta a estrada xa se caeu “provocando que perda gran parte do terreo no que se apoia”, unha situación que pode empeorar coa chegada do inverno e as chuvias “que poden reblandecer aínda máis o talud e facer que siga a correr a terra, minorando aínda máis o apoio da estrada”.

Trala comunicación por parte de veciños e Concello, dende a Deputación puxeron de escusa que “non era unha competencia súa, senón do Concello”, algo que “non é así”. “De todas formas, dende o Concello de Folgoso do Courel tentaron dar unha solución ao problema que segundo a Deputación era da súa competencia” pero a realidade é que “a estrada é da Deputación e ten que ser o goberno provincial o que solucione este problema que cada día vai a peor”.

Antonio Ameijide insta a PSOE e BNG a tomar en serio a seguridade nas estradas provinciais: “son conscientes da situación porque así o denunciaron os veciños e o propio Concello de Folgoso do Courel, polo que non poden alegar descoñecemento. Se non corrixen esta situación é porque non queren e, oxalá que non pase ningún accidente, pero se ocorre, eles serán os responsables pola súa falta de traballo”.

“A realidade é que os veciños teñen moito medo porque xa viron como hai unhas semanas a terra correu contra as vivendas e, por sorte, non colleu a ninguén no camiño xa que se nese intre pasara alguén, as consecuencias poderían serterribles”, denunciou.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario