A edil de Cultura presentou as actividades para toda a familia que se poderán desfrutar entre o 30 de outubro e o 2 de novembro
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou as actividades do Samaín 2024, que contará con distintas propostas de lecer que, segundo declarou Maite Ferreiro, «achegarán distintas propostas para todos os públicos nas rúas da cidade».
A área de Cultura programou actividades de animación nas rúas do casco histórico, que terán lugar o vindeiro 1 de novembro a partir das 20 horas na praza da Soidade co concerto de Adrián Vigo, e 2 de novembro cos pasarrúas de Caivanca (Campo Castelo e Recatelo) e a Tambukda (Rúa Nova, praza do Campo e Tinería) a partir das 20:00, «unha actividade que cada ano é un gran éxito».
O Vello Cárcere contará cunha programación especial para o Samaín, con actividades arredor desta data no espazo de lecer do centro cultural ao longo da semana. Ademais, o 30 de outubro, entre as 17:30 e as 18:30, o espazo didáctico acollerá a actividade A toda cor: Samaín, para nenas e nenos, e o 31 a biblioteca acollerá a actividade Minirrelatos: Samaín, tamén en horario de 17:30 a 18:30. Para inscribirse, será preciso contactar co Vello Cárcere a través de correo electrónico (vellocarcere@lugo.gal) ou no teléfono 982 297 195.