Galicia presenta en Canarias o éxito do seu modelo de FP en materia de inserción laboral

por Redacción Galicia

A directora xeral de FP participa no II Congreso da Industria de Canarias para explicar a estreita conexión entre a oferta formativa galega e o tecido socioprodutivo.

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, participa no II Congreso da Industria de Canarias (CICAN), onde foi convidada polo Goberno de dita Comunidade para presentar o éxito do noso modelo de Formación Profesional en materia de inserción laboral dos titulados, que en Galicia supera o 85%.

No marco da mesa redonda Formación para a empregabilidade, a representante da Xunta destacou a estreita conexión que existe entre a oferta de ciclos e másteres de FP en Galicia e as necesidades do tecido socioprodutivo. “A través do Plan Conecta FP recollemos as demandas de profesionais cualificados que nos presentan as empresas para deseñar unha oferta formativa que lles dea resposta e que, ademais, estea moi apegada ao territorio”, explicou.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP detallou tamén o proxecto InnovaTech FP, unha iniciativa galega que promove a resolución de retos empresariais por parte de estudantes de FP. Así mesmo, salientou que se está a dotar aos centros de FP de tecnoloxías innovadoras e recursos de simulación, realidade virtual e intelixencia artificial para que os estudantes estean cualificados no uso das ferramentas de vangarda que empregan as empresas.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario