A Fundación Luís Tilve organiza un acto no que se presentará a publicación «Hildegart na prensa socialista», que fai unha recompilación da obra xornalística da célebre activista feminista, recuperando a súa verdadeira voz, moi afastada da ficción cinematográfica
O vindeiro mércores día 5 de febreiro, ás 19:30 horas, no Patio do Centro Sociocultural O Vello Cárcere (Praza da Constitución, s/n) de Lugo 5, a Fundación Luís Tilve celebrará unha un acto de presentación da súa publicación: «Hildegart na prensa socialista. Artigos«, na que se abordará a faceta de articulista da activista feminista Hildegart Rodríguez Carballeira, o que nos achegará a unha muller adiantada ó seu tempo que aínda segue a ser descoñecida. Escritora, avogada, ensaísta, sexóloga e xornalista, ós oito anos xa falaba seis idiomas e ós 17 rematou os estudos de Dereito, sendo membro da Academia de Jurisprudencia y Legislación. Tivo un papel destacado na defensa do feminismo dende un punto de vista vangardista á hora de avogar por conceptos como a educación sexual, o control de natalidade ou o divorcio, dos que era gran coñecedora a nivel internacional, publicando ensaios de relevancia como «La rebeldía sexual de la juventud», «La educación sexual» ou «El control de la natalidad».
Moito se ten dito e escrito de Hildegart, da súa figura como personaxe tráxico, en novelas, obras de teatro, estudos, películas, porque a súa morte, a mans da súa nai, silenciou a súa obra e a súa voz, que quedaron soterradas polo escándalo. Pero descoñecemos a súa palabra, os seus escritos e o seu pensamento. Esa é a intención deste acto e do libro que se vai presentar, rescatar do esquecemento á verdadeira Hildegart, á propagadora e activista feminista da revolución sexual daqueles complexos pero esperanzadores anos que enmarcaron a II República, a través das súas propias verbas, recuperando con elo a memoria dunha xeración única e excepcional de mulleres libres e revolucionarias que viron truncados os seus sonos pola ditadura, a incomprensión e a intolerancia. Unha imaxe moi afastada da ficción cinematográfica.
O acto, contará coa presenza e intervención da alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos Fondo, e do Secretario Xeral de UGT-Lugo-Lemos-Costa Lucense, Ángel Tomé Roca, que acompañarán o Director da Fundación Luis Tilve, Guillerme Pérez Agulla, e do autor e recompilador da obra: Francisco Xavier Redondo Abal, historiador e bibliotecario da Universidade de Santiago, que é autor tamén de diversos libros sobre a historia contemporánea de Galicia, como: Alfonso Ortega Prada. Memorias de un socialista perseguido por el fascismo; Memorias de Marcelino Fernández Prada. Un alcalde socialista e revolucionario; Botarse ao monte. Censo de guerrilleiros antifranquistas; Bibliotecarias e bibliotecarios «infames»: la depuración franquista del cuerpo bibliotecario republicano. El caso gallego; Arelas de liberdade na Galiza. Galegos perante o Tribunal de Orde Pública (1964-1976).
Día : Mércores, 5 de febreiro de 2025.
Hora : 19:30 horas
Lugar: Patio do Centro Sociocultural O Vello Cárcere (Praza da Constitución, s/n. Lugo)