Arroxo: “Alegrámonos de que por fin a Xunta retire o valado dos fornos da Tinería, que levaba tempo caendo”

O portavoz do BNG de Lugo reclamou «que esta actuación non quede só nun cambio estético do peche do terreo, é preciso reanudar as excavacións proxectadas cando o BNG iniciou desde a Xunta a rehabilitación do barrio»

O Portavoz do BNG e Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo afirmou que era unha boa noticia que «dezaseis anos despois, a Xunta retirase o valado dos fornos da Tinería, que estaba caendo desde hai tempo». Arroxo afirmou que «agora a Xunta ten que continuar traballando e comezar as excavacións arqueolóxicas neste terreo, onde sabemos que se atopan fornos e unha domus romana».

Arroxo criticou que a Xunta siga «retrasando» a renovación integral da Tinería, «un proxecto iniciado polo BNG no Bipartito e que, coa chegada de Feijoo en 2009, foi totalmente abandonado». O portavoz do BNG lembrou que nese período se investiron «máis de 20 millóns de euros para recuperación deste barrio», nun proxecto que «hoxe podería ser un gran exemplo a nivel internacional sobre como recuperar un barrio histórico como a Tinería».

O proxecto impulsado polo BNG desde o goberno galego foi recoñecido do Premio Dubai de Boas Prácticas outorgado polas Nacións Unidas no ano 2008. Valorouse o proxecto de recuperación do patrimonio por unha iniciativa pública, xunto coa rehabilitación e rehabitación dun barrio a carón da Muralla de Lugo, porque posibilitaba a recuperación da actividade comercial e social do barrio, a creación de emprego así como o uso dos baixos, propiedade pública, para o emprendemento e mesmo usos institucionais, e a posta en valor do patrimonio arqueolóxico da zona.

Comparte éste artículo
No hay comentarios