O PP esixe dende o Senado explicacións ao Goberno de Sánchez pola falta de conectividade en Folgoso do Courel

Lola Castro: “Non sabemos o que quere facer o Ministerio con Folgoso do Courel onde agardamos que estenda ao resto de aldeas a fibra óptica que só temos en Folgoso e Seoane”.

Os problemas de acceso a internet, fibra óptica, cobertura móbil e fixa son habituais en moitas zonas da provincia de Lugo, especialmente nos concellos da montaña coma Folgoso do Courel.

Ante estas dificultades para recibir servizos de conectividade que xera problemas no día a día dos cidadáns e prexuízos para a actividade económica que ten trasladado a alcaldesa, Lola Castro, aos senadores do PP lucense; os representantes populares no Senado -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- piden explicacións ao Goberno de Sánchez de xeito formal.

Concretamente, esixen por escrito explicacións sobre as iniciativas que está a adoptar para corrixir esta situación, se ten previsto un estudo integral sobre a cobertura da rede de fibra óptica no municipio e se realiza seguimento das solucións adoptadas en Folgoso do Courel en materia de conectividade para verificar que se corrixen eses problemas.

A alcaldesa, Lola Castro, explica que “desde xuño do 2022 seguimos agardando que o Ministerio estenda ás demais aldeas a fibra óptica que chega dende Quiroga ata os dous núcleos máis grandes: Folgoso e Seoane do Courel. Na actualidade a conexión que teñen as aldeas é grazas ás actuacións da Xunta no 2015, pero o Ministerio non sabemos o que quere facer co concello de Folgoso do Courel”.

Os populares lamentan que “os veciños e veciñas de Folgoso do Courel non poidan gozar das tecnoloxías que permiten o acceso a internet de alta velocidade, fibra óptica, cobertura móbil ou mesmo teléfono fixo con chamadas de calidade” e subliñan que a conectividade “é competencia do Goberno de España”.

Así mesmo, defenden que “a conectividade é fundamental para tanto os fogares coma os negocios do municipio poidan dispoñer de igualdade de condicións que noutros lugares ou que as empresas instaladas en polígonos industriais. Para asentar poboación no rural é necesario achegar estes servizos para que a xente poda estudar, traballar e relacionarse a través das tecnoloxías dixitais”, sosteñen.

O GOBERNO DE SÁNCHEZ XESTIONA FONDOS EUROPEOS PARA  A CONECTIVIDADE QUE NON CHEGA A TODA A PROVINCIA DE LUGO

Os senadores afean que “o Goberno de España presuma publicamente de pechar a fenda dixital ao lograr garantir o acceso a banda ancha ultrarrápida ou á telefonía ao 100% da poboación o acceso a prezo alcanzable, a realidade é que grandes áreas do noso territorio ven privados na práctica destes servizos”. 

E condenan especialmente esta situación “á vista de que ministerios como o de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico e o de Transformación Dixital e Función Pública xestionan inxentes cantidades de fondos europeos destinados a conectividade e, en particular, á extensión das redes no rural”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios