Mar de Mares despide a súa duodécima edición rexistrando unha gran participación coa programación máis científica e feminina

Desenvolvéronse máis de 40 eventos cunha participación estimada de 20.000 persoas. O Festival continúa ata o mes de xullo coas exposición “A auga da vida” de Manu San Félix e “Un mar de preguntas” de Javier García Galdo e Roque Araújo.

O Festival Mar de Mares despídese un ano máis da Coruña con granasistencia de público nas numerosas e diversas actividades programadas na súa duodécima edición que, baixo o lema Un mar conCiencia, estivo marcada pola ciencia e o compromiso medioambiental. Mar de Mares segue presente coas exposicións “A auga da vida” do fotógrafo e biólogo mariño Manu San Félix, no Porto deportivo de Ferrol ata o vindeiro 13 de xullo, e a mostra “Un mar de preguntas” de Javier García Galdo e Roque Araújo dispoñible ata o 30 de xuño no FNAC da Coruña. En espera do remate desas últimas actividades, a gran participación cidadá rexistrada permite situar xa Mar de Mares como festival de referencia no campo do coñecemento dos ecosistemas mariños, alcanzando ao redor de 20.000 asistentes entre todas as actividades organizadas polo Festival.

Mar de Mares regresou un ano máis, consolidándose como unha das citas imprescindibles da cidade grazas a un completo programa con máis de 40 eventos -entre encontros inspiradores, exposicións, ponencias no III Foro Mar de Mares, ecoturismo, accións medioambientais, obradoiros, concertos e proxeccións de cine- e os máis de 65 relatores e especialistas que participaron nos encontros divulgativos.

VI Gran Limpeza de Fondos Mariños que se desenvolveu na contorna da Dársena da Mariña o pasado domingo foi unha das accións civís máis espectaculares desta edición do festival. Máis de 80 mergulladores e voluntarios en terra lograron retirar preto de dúas toneladas de residuos (pneumáticos, plásticos, redes, latas, vidro…) na zona, lixo co que se escribiu SOS como chamada de atención sobre a situación dos océanos. 

Pola súa banda, o Mercado Mar de Mares, que se instalou por segundo ano no icónico Mercado de San Agustín, congregou a milleiros de visitantes que aproveitaron para achegarse a degustar produtos mariñeiros de proximidade, a mercar artesanía ou participar nos encontros gastronómicos e nos obradoiros e actividades divulgativas dirixidas a nenos e nenas ou a gozar ao ritmo de grupos como TRAM 32, Sweet Marie, Melao ou as cantareiras e pandereteiras da A.F. Aturuxo, concertos que acadaron gran éxito e fixeron cantar e bailar a todos os asistentes.

Os encontros inspiradores tamén rexistraron cheo de público. Foi o caso da divulgadora científica Odile Rodríguez de la Fuente, que compartiu reflexións profundas sobre a nosa desconexión coa natureza e o papel vital dos océanos. Tamén estiveron en Mar de Mares a escritora Noemí Sabugal e o fotógrafo Pablo J. Casalpara afondar na relación que temos co mar que nos rodea e rimos cos monólogos do aloucado colectivo de divulgadores científicos Big Van Ciencia.

III Foro Azul consolidouse como espazo de pensamento e acción para un futuro onde o mar siga sendo sustento, inspiración e motor económico coa participación de máis de 20 relatores. Nesta xornada contamos con múltiples enfoques de institucións, empresas, científicas e emprendedores como a nova Conselleira do Mar, Marta Villaverde, Rosa Chapela do CETMAR, Luz García, Directora Instituto Español de Oceanografía (IEO) ou a mariscadora Lita Barrosas que puxeron o foco na sustentabilidade, a innovación e o papel esencial das mulleres no sector mariño.

Outras actividades de Mar de Mares serviron para reforzar a importancia do papel da Coruña como cidade-barco que abraza o océano. Así, fixéronse paseos a pé con referencias históricas e mariñeiras coa axuda de Xurxo Souto, travesías a vela pola ría, observación de aves ou, a novidade deste ano, la visita á Torre de Control Marítimo.

A celebración do festival, organizado pola asociación Redes de Sal, foi posible grazas tamén ao apoio institucional do Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Consellería do Mar da Xunta de Galicia, así como de moitas outras entidades colaboradoras, entre as que están Vegalsa, Signus, Abanca, Gestán Conteco, e numerosas institucións que traballan no ámbito mariño.

Comparte éste artículo
No hay comentarios