O PP denuncia que PSOE e BNG “non escoitan” áprovincia ao rexeitar os centos de alegacións presentadas polos veciños á memoria da residencia de Becerreá

Ameijide reclama, ademais da apertura inmediata da residencia, que se poña en marcha ao mesmo tempo o centro de día previsto nas mesmas instalacións (40 prazas), recordando que “PSOE e BNG teñen pechados todos os centros da rede provincial” (Trabada, Castroverde, A Fonsagrada, Pol, Ribas de Sil, Navia de Suarna, Meira e Pedrafita do Cebreiro).

O goberno de José Tomé, PSOE e BNG segue a demostrar “a nula capacidade de escoita” que ten cos veciños da provincia xa que no pleno do martes “rexeitará todas as alegacións” presentadas á memoria que recolle o modelo de xestión e os prezos que se pagarán na residencia de Becerreá.

O voceiro popular, Antonio Ameijide, recorda que neste documento PSOE e BNG deixan claro que “para eles hai veciños de primeira e veciños de segunda”, xa que a súa intención é aumentar as desigualdades entre os veciños da provincia, xa que segundo esa memoria que aprobaron en solitario socialistas e nacionalistas “os futuros usuarios deste centro de atención a maiores pagarán un 60% que os usuarios do resto de residencia da rede provincial”.

A esta memoria se presentaron centos de alegacións, tanto por parte do Grupo Provincial Popular, como do PP de Becerreá, así como de centos de veciños de Becerreá e da comarca.

Neste senso, Ameijide recorda que “dende o primeiro minuto deste mandato dixemos que o noso compromiso é traballar por acadar a igualdade para todos os veciños da provincia, independentemente do municipio no que residan, polo que por coherencia e, sobre todo, por ser fieis ao noso compromiso, nós presentamos estas alegacións porque non podemos permitir que José Tomé, o PSOE e o BNG fomenten que haxa veciños de primeira e segunda”.

A realidade é que o documento aprobado por PSOE e BNG os futuros usuarios da residencia de Becerreá pagarán 810€ máis ao mes, un 60% máis, que os usuarios das residencias de Navia ou Pedrafita (as máis próximas da rede provincial), xa que un veciño dependente na rede de CAMs da Deputación actualmente paga 1.390€/mes mentres que en Becerreá pagará 2.200€/mes polo mesmo servizo.

Os deputados populares tamén reclaman a PSOE e BNG que “garantan a igualdade de trato e de prestación de servizos” na residencia de Becerreá como nas do resto da rede provincial, recordando como “socialistas e nacionalistas teñen a intención de dar a xestión deste centro a unha empresa privada, baixo un sistema de xestión privada con canon 0”, outorgando “enormes beneficios á empresa adxudicataria” xa que, segundo a memoria que PSOE e BNG aprobaron no pleno de febreiro e que se publicou no BOP da provincia o 7 de marzo, prevénuns beneficios mensuais netos para a empresa concesionaria de entre 220.000 e 357.000€ e un volume total de negocio de 77.829.639,16€ ao remate dos 25 anos da concesión.

CENTRO DE DÍA

Ademais da igualdade de trato e de prezos e da apertura inmediata da residencia, Antonio Ameijide tamén reclama a apertura do centro de día (40 prazas) “como reclamamos para o resto de centros de día da rede provincial” que “a día de hoxe están pechados”.

Os deputados populares defenderon no pleno ordinario de maio unha iniciativa na que reclamaban á Deputación a apertura dos centros de día provinciais (Trabada, Castroverde, A Fonsagrada, Pol, Ribas de Sil, Navia de Suarna, Meira e Pedrafita do Cebreiro) e ante a que “PSOE e BNG votaron en contra, negándose a poñer en servizo 153 prazas de centro de día que facilitarían a conciliación de moitas familias da provincia”.

Antonio Ameijide sinala que “cando se abra a residencia de Becerreá senón poñen en marcha o centro de día, serán xa unhas 200 prazas de centro de día as que socialistas e nacionalistas terán pechadas na provincia a pesar de que esas instalacións están construídas e rematadas con cartos de todos os lucenses”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios